Contou coa presenza do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, quen reafirmou o compromiso do seu departamento na colaboración efectiva na xestión dos mosquitos e carrachas

A Xunta organiza a I Xornada da Rede Galega de Vixilancia de Vectores coa presenza de expertos do ámbito da saúde humana e animal

A xornada está aberta a persoal dos concellos, inspectores de Saúde Pública e de Medio Rural, e persoal sanitario ou de protección civil

Os informes anuais da vixilancia de mosquitos e carrachas atópanse publicados na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública

A conferencia inaugural foi impartida por Tomás Montalvo, xefe do servizo de Vixilancia e Control de Pragas Urbanas da Axencia de Saúde Pública de Barcelona

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu esta tarde a I Xornada da Rede Galega de Vixilancia de Vectores (REGAVIVEC) baixo o título A importancia da prevención, vixilancia e control de vectores con interese en Saúde Pública.

A presentación da xornada correu a cargo do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros Guinarte, quen reafirmou o compromiso do seu departamento á hora de colaborar de xeito efectivo na xestión dos mosquitos e carrachas susceptibles de transmitir enfermidades ás persoas, actualmente reflectidos coa Consellería de Sanidade e as Universidades de Santiago de Compostela e Vigo.

Ademais, destacou a importancia da prevención como un piar cada vez máis importante para protexer a saúde das persoas, dos animais, dos cultivos e do medio ambiente en xeral, polo que, explicou, débese ter unha visión cada vez máis global e integral para que esa prevención sexa máis efectiva.

 

Resaltou, ademais, que nos últimos tempos a sanidade animal tivo alertas importantes, como a lingua azul ou a enfermidade hemorráxica epizoótica, enfermidades transmitidas por mosquitos do xénero Culicoides, que non se transmiten ás persoas. E puxo en valor o traballo que se está a facer un esforzo considerable na xestión destas enfermidades, cunha importante achega de recursos humanos e materiais.

Expertos en diferentes áreas

Diversos expertos en saúde pública, en medicina preventiva, en entomoloxía ou en sanidade animal, falarán ao longo da tarde sobre os principais vectores transmisores de enfermidades, das medidas de vixilancia e de prevención que se levan a cabo e mesmo dos resultados da Regavivec do último ano.

A conferencia inaugural correu a cargo de Tomás Montalvo, xefe do servizo de Vixilancia e Control de Pragas Urbanas da Axencia de Saúde Pública de Barcelona, con grande experiencia na vixilancia e control do mosquito tigre nunha zona onde xa apareceu hai máis de 20 anos.

A Xornada está aberta a diferentes colectivos colaboradores implicados na vixilancia e control destas enfermidades como, por exemplo, o persoal dos concellos, inspectores de saúde pública e de medio rural, e persoal sanitario ou de protección civil. Estará dispoñible con posterioridade na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Rede Galega

A Rede Galega De Vixilancia de Vectores, ReGaViVec creouse no ano 2017 mediante convenio entre as Consellerías de Sanidade e de Medio Rural, a Universidade de Santiago de Compostela e a de Vigo, primeiro cos mosquitos e ampliándose no ano 2018 ás carrachas.

O seu obxectivo é coñecer a densidade e distribución dos vectores presentes en Galicia, así como detectar a chegada de novas especies, para vixiar e controlar o risco de transmisión de enfermidades a través delas.

No marco de rede realízanse mostraxes dirixidas á busca dos vectores de interese, e ademais cóntase coa colaboración de diversos centros (clínicas veterinarias, centros de saúde, etcétera) que recollen exemplares para a súa identificación por parte dos expertos entomólogos da Universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Os informes anuais da vixilancia de mosquitos e carrachas atópanse publicados na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Por outra banda, un convenio co CSIC fai que a Dirección Xeral de Saúde Pública participe tamén no fomento da ciencia cidadá a través da app Mosquito Alert.

Esta xornada pon de manifesto o gran traballo que se está a facer tanto no campo da sanidade animal como na humana, a colaboración a distintos niveis institucionais e da cidadanía e a importancia de combater estes vectores para a saúde pública, dende un concepto ONE HEALTH.

Máis información: https://www.sergas.es/Saude-publica/Enfermidades-transmitidas-por-vectores

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024