O presidente da Xunta mantivo un encontro co alcalde, Blas García Piñeiro

A Xunta redactará o proxecto que impulsará a depuradora de Sisalde, no Concello de Ames

Esta actuación inclúese no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, cun investimento de máis de 20 M€

O presidente compromete a participación do Goberno autonómico nun convenio a tres bandas para a construción do Mercado municipal

Déronse avances no desenvolvemento do polígono industrial, para o que se analizará a viabilidade de empresas interesadas

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, mantiveron hoxe un encontro no que acordaron que a Xunta redactará o proxecto que impulsará a depuradora de Sisalde, no Concello de Ames.

Esta obra, que se inclúe no Plan Hidrolóxico de Galicia Costa, ten un nivel de investimento de máis de 20 millóns de euros, contando os dez millóns de euros necesarios para a ampliación da EDAR, aos que habería que sumar outros dez millóns para mellorar a rede de colectores, máis outro millón para a realización do proxecto construtivo. Ademais, o concello destacou o seu compromiso de negociar co Goberno central para que esta actuación sexa de interese xeral e entre na financiación do Estado.

Durante o encontro, Rueda trasladou ao rexedor a vontade da Xunta de colaborar co concello en proxectos de interese común para todos os habitantes de Ames, ademais da planta depuradora. Neste sentido, comprometeu a participación do Goberno autonómico nun convenio a tres bandas para a construción do Mercado municipal, que precisa dunha financiación de 3 millóns de euros.

Tamén se deron avances no desenvolvemento do polígono industrial de Bertamiráns, xa que se vai analizar a viabilidade de empresas interesadas e haberá unha reunión coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para analizar a situación.

Por último, Rueda e o alcalde de Ames acordaron en que se van urbanizar 5 parcelas para ceder ao IGVS e poder construír vivendas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024