Villares asiste á conferencia de Ernesto Penas sobre o fomento do consumo de peixe e a xestión pesqueira no Club Faro

Vigo, 23 de setembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asistiu á conferencia ‘Por que non hai que deixar de comer peixe. Claves para unha pesca responsable e ben xestionada’ da man do biólogo mariño, Ernesto Penas. O conferenciante vén de publicar recentemente unha obra titulada ‘La Proteína Azul’ na que pon en valor que a actividade pesqueira produce a proteína animal máis saudable do mundo, cunha pegada de carbono e un impacto sobre a biodiversidade máis baixos que os de moitos outros sistemas de produción de alimentos en terra. O evento, ademáis, contou como presentación e moderador do coloquio do doutor en Ciencias Biolóxicas e ex-conselleiro do Mar, Enrique López Veiga.

O titular de Mar sinalou que o Goberno galego leva tempo reivindicando o papel da cadea mar-industria para acadar a necesaria soberanía alimentaria así como a importancia de promover o consumo dos alimentos mariños, nun contexto de progresivo descenso, como unha cuestión de saúde pública. Tamén puxo en valor o compromiso do sector pesqueiro coa sostibilidade e boas prácticas, do que é referente a nivel internacional e que atopa en Ernesto Penas un excelente embaixador e defensor avalado pola súa ampla traxectoria que o levou a traballar en institucións como o Instituto Español de Oceanografía o una Comisión Europea, onde foi director de Coordinación e Desenvolvemento de Políticas na Dirección Xeral de Asuntos Mariños e Pesca; director de Mar Báltico, Mar do Norte e Estados membros sen litoral; xefe de Unidade de Política de Conservación e de Política Pesqueira Común e Acuicultura ata 2009.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/09/2024