No marco do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 (período 2020-2024)

A Xunta pon en marcha dúas novas unidades de saúde mental para maiores e xente nova no Complexo Hospitalario da Coruña

A nova unidade de psicoxeriatría está funcionando desde a semana pasada co fin de atender a persoas maiores de 65 anos con trastornos mentais que coexisten, frecuentemente, con outros problemas médicos, familiares e sociais

Hoxe mesmo inicia a súa actividade a nova unidade de primeiros episodios de psicose que atenderá a persoas de 18 a 40 anos nos tres primeiros anos de evolución

Ofreceranse obradoiros de estimulación cognitiva, psicoterapia individual, intervencións grupais para familia e seguimento telefónico

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

A Xunta, no marco do Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 (período 2020-24), puxo en marcha o pasado 16 de setembro unha nova unidade de psicoxeriatría na área sanitaria da Coruña e Cee e hoxe mesmo ponse en funcionamento unha nova unidade de primeiros episodios de psicose.

A nova unidade de psicoxeriatría, situada no centro de saúde do Ventorrillo, está formada por unha psiquiatra, unha psicóloga clínica, unha enfermeira e unha traballadora social. Ocúpase da atención psiquiátrica de persoas maiores de 65 anos con enfermidades mentais, tales como trastornos afectivos, psicoses ou demencias, entre outras. Isto supón unha clara aposta do Goberno autonómico por unha mellor atención ás persoas maiores.

Esta nova unidade está destinada á atención de casos de alta complexidade, ben pola patoloxía propiamente dita, ou ben pola coexistencia de comorbilidade médica asociada ou ao abuso de substancias que poderían incrementar o risco de suicidio.

A unidade de primeiros episodios de psicose, situada no Hospital Abente e Lago, conta cunha psiquiatra, unha psicóloga clínica e unha enfermeira que atenderá a persoas entre 18 e 40 anos que tiveran un primeiro episodio e que estean dentro dos tres primeiros anos de evolución. Un primeiro episodio psicótico xorde xeralmente entre os 15 e os 30 anos e é un evento especialmente estresante para a xente nova e as súas familias. Calcúlase que na área da Coruña supón uns 100 novos casos ao ano.

Unha detección temperá e unha resposta nun proceso inicial mellora a recuperación dos doentes, tanto na sintomatoloxía como no prognóstico, permitindo á persoa unha mellora no funcionamento global a nivel social, laboral e familiar. A intervención precoz en psicose permite unha significativa minoración no deterioro neurobiolóxico, social e psicolóxico.

Abordaxe individual e en grupo

O Servizo Galego de Saúde realiza, nas súas unidades de primeiros episodios de psicose, tratamentos comunitarios, intensivos, duradeiros e integrais, sen limitarse a unha terapia farmacolóxica. De modo xeral, na nova unidade da Coruña realizaranse valoracións individuais, intervencións familiares e en grupo con pacientes, así como seguimento telefónico.

No caso das unidades de psicoxeriatría, prevense avaliacións neuropsicolóxicas, psicoterapia individual e en grupo, obradoiros de estimulación cognitiva e, en casos concretos, valoracións a domicilio.

Incorporación de novos profesionais

A Xunta continúa a desenvolver o Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia poscovid-19 (2020-2024) cun orzamento de 83 M€, destinado, entre outras cousas, á contratación de 241 profesionais de saúde mental.

A través deste plan creouse unha unidade de hospitalización de agudos infanto-xuvenil no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que complementa á do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela e aos hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenil en diferentes áreas sanitarias.

Tamén enfocado á xente nova e en colaboración co departamento autonómico de Educación, púxose en marcha o programa YAM de prevención de conduta suicida, en adolescentes, no que participaron 1.400 estudantes ao longo do curso 2023-24 e que continuará ata o curso 2027-28. Esta actuación está cofinanciada pola Unión Europea, a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.

Actualmente, tras a modificación da estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, creouse unha nova Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, dependente da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, o que supón unha clara aposta do Executivo autonómico pola saúde mental da cidadanía galega.

A Xunta traballa xa nun novo Plan de Saúde Mental que responda ás novas necesidades detectadas e que incluirá, entre outras medidas, a formación dunha rede de atención psicolóxica en atención primaria dependente dos servizos de psiquiatría das diferentes áreas sanitarias e que estará coordinada por profesionais da psicoloxía clínica.

Data de actualización: 23/09/2024