A Xunta licita por 4,2 millóns de euros os servizos de loxística da área sanitaria da Coruña e Cee

O expediente inclúe o traslado de todo material necesario para o correcto funcionamento dos centros sanitarios da área,  co transporte de mostras biolóxicas, produtos farmacéuticos, hemoderivados, comida, roupa e mobiliario clínico

O contrato terá unha duración inicial de 3 anos, prevéndose unha posible extensión por 24 meses máis

O Consello da Xunta autorizou esta mañá a licitación dos servizos de loxística xerais para a área sanitaria da Coruña e Cee por un importe de 4.296.456 euros e unha duración inicial de 3 anos.

O Executivo galego deu luz verde a un novo procedemento que ten por obxecto garantir as condicións óptimas de recollida, traslado, custodia e entrega de diverso material, entre o que se inclúen os hemoderivados, os produtos farmacéuticos, mostras biolóxicas, roupa, material de esterilización, comidas e mobiliario clínico.

O contrato estenderase ata o ano 2027, prevéndose a posibilidade de ser ampliado por un período de tempo de 24 meses máis. 

O novo expediente ampliará as súas prestacións, estando previsto incrementar as frecuencias de transporte de sangue e outras mostras clínicas entre os centros sanitarios e os laboratorios; a ampliación dos servizos de esterilización entre o Hospital Universitario da Coruña e os hospitais Abente e Lago e Teresa Herrera; unha maior distribución dos servizos de farmacia ao Centro Oncolóxico de Galicia e aos centros de saúde e da terceira idade da área, así como optimizar a distribución de comidas entre os seus hospitais ou a entrega de roupa aos centros sanitarios.

Esta actuación enmárcase dentro do conxunto de medidas postas en marcha pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, no seu obxectivo común de seguir a mellorar a calidade asistencial da rede pública sanitaria galega.

Data de actualización: 23/09/2024