Galicia solicita a información ao Ministerio sobre as medidas de xestión pesqueira da raia mosaico e a sardiña

A Consellería do Mar reclama ao Goberno central que se equiparen as posibilidades de pesca para a raia mosaico para o arrastre e palangre de fondo no caladoiro CNW ás establecidas para estes buques no Golfo de Cádiz

Respecto á sardiña, tamén se solicita información sobre o número de transmisións temporais de posibilidades de pesca do Golfo de Cádiz á frota galega, a relación de buques posuidores das transmisións así como as cantidades transmitidas

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

A Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, vén de solicitar información á Subdirección Xeral de Caladoiro Nacional e Augas da Unión Europea, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, sobre as medidas de xestión que afectan á raia mosaico e á sardiña co obxectivo de proporcionar as mellores solucións posibles para paliar situacións delicadas que afectan á viabilidade das frotas vencelladas ás citadas especies.

No escrito, a Xunta sinala que a resolución que establece a ordenación da pesqueira das raias mosaico establece topes de captura accesoria, sometida ademais á exención por alta supervivencia da obrigación de desembarque. Isto supón unha asignación de cota de raia mosaico para España de 10 toneladas para 2023 e de 15 toneladas para o 2024, polo que non resulta suficiente para cubrir as necesidades da frota.

Os citados stocks para o arrastre e palangre de fondo no caladoiro CNW se outorgan 5 Kg por buque, mentres que o arrastre de fondo do Golfo de Cádiz ten establecidos 10 kg. Unhas diferencias que non están xustificadas polo que o Goberno galego reclama ao Goberno central que se equiparen as posibilidades de pesca en ambas zonas. Ademais, a Administración autonómica tamén solicita información sobre a asignación da cota para fins científicos e a forma de reparto da mesma.

Transmisión temporais

Por outra banda, e respecto á sardiña, segundo o establecido no artigo 2 da Orden APA/315/2020, os barcos de cerco, racú e piobardeira do caladoiro CNW que obteñan cota desta especie desde o caladoiro do Golfo de Cádiz mediante o mecanismo de transmisións temporais de posibilidades de pesca, computarán as súas capturas de sardiña contra dita cota desde o momento da súa autorización. Neste senso, e co fin de realizar unha xestión adecuada da sardiña ibérica na costa galega, a Consellería do Mar solicita información sobre o número de transmisións temporais realizadas do Golfo de Cádiz á frota galega durante 2024, incluíndo a relación de barcos galegos posuidores de tales transmisións de pesca así como as cantidades transmitidas a cada buque.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/09/2024