Reguera visita un dos 15 establecementos da provincia adheridos á campaña ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ e destaca o gran labor de desestacionalización da iniciativa

A iniciativa conta con varias modalidades que van dende as experiencias gastronómicas hasta a hospedaxe, pasando por actividades ao ar libre e de aventura

A campaña, que este ano celebra a súa 18º edición, inxectou desde a súa fundación máis de 6 millóns no sector e mobilizou a preto de 96.000 persoas

A Estrada, 23 de setembro de 2024

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións do hospedaxe Casa da Botica, no concello da Estrada, con motivo da posta en marcha dunha nova edición da campaña ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024’, que arrancou o pasado día 13 e se alargará ata o 15 de decembro.

A Casa da Botica é un dos 15 establecementos involucrados na provincia de Pontevedra. No total do territorio galego son 77 as casas rurais que ofrecen paquetes gastronómicos especiais, paquetes de estadías e actividades paralelas.

O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor os resultados das anteriores edicións do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’, unha iniciativa que este ano celebra a súa 18 edición e que dende a súa inauguración inxectou ata 6 millóns de euros no sector turístico galego e permitiu que preto de 96.000 persoas gozaran dos servizos e comodidades centos de establecementos de primeiro nivel.

Reguera destacou tamén a importancia de “impulsar iniciativas como esta que teñen un papel fundamental na desestacionalización e descentralización do turismo e que conseguen amortecer a baixada da demanda turística despois dun verán moi intenso e positivo”.

O ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural’ conta cunha gran variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia:  desde o menú  Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa; o paquete Outono Gastronómico que inclúe a estadía na casa rural e oferta gastronómica por 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico por 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico por 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

Cabe destacar que 31 dos establecementos adheridos ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. Na provincia de Pontevedra a totalidade dos establecementos participantes contan con esta opción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024