Rueda salienta que a Conta Xeral ratifica que en 2023 Galicia cumpriu un ano máis cos obxectivos de déficit e débeda fixados no seu orzamento

Destaca os bos datos que rexistran as contas da Administración autonómica “sen que se resinta o esforzo inversor”

Galicia rematou o exercicio cun déficit do 0,18 % do PIB e unha taxa de endebedamento do 16,1%, cumprindo co obxectivo recollido no orzamento

En 2023, a Xunta acadou unha execución do orzamento de gasto non financeiro do 99,6 %, o que implica un gasto preto de 1.200 M€ superior ao exercicio 2022

O conselleiro de Facenda destaca que Galicia está entre as comunidades que antes paga aos seus proveedores, ao facelo na metade de tempo que o conxunto de comunidades

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Consello aprobou hoxe a Conta Xeral da Comunidade Autónoma correspondente ao exercicio 2023 que “amosa que Galicia cumpriu cos obxectivos de déficit e débeda pública recollidos nos orzamentos” e iso sen “que se resinta o esforzo inversor”.

Tal e como explicou, o informe hoxe avaliado mostra que o Goberno galego pechou o exercicio cun déficit do 0,18 % do PIB –“case tres puntos menos que no 2022”- e cunha taxa de endebedamento do 16,1 %, “a máis baixa desde 2012”.

Os datos definitivos amosan que Galicia pechou o 2023 cunha execución do orzamento consolidado (sen incluír os fondos NGEU) do 99,6 %; un déficit orzamentario de 138 millóns de euros, o que representa o 0,18% do PIB; e cunha ratio débeda/PIB do 16,1 %, 3,7 puntos por debaixo do nivel que presentaba este indicador ao inicio da pandemia (19,7 %).

Período medio de pagamento 

Rueda lembrou que a conta xeral pódese apreciar que Galicia non só foi das comunidades autónomas que cumpriu de novo os obxectivos de déficit e de débeda, senón que tamén “foi unha das que liderou o tempo de pagamento a provedores”. En concreto, tal e como engadiu o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, rematou o 2023 cun período medio de pagamento “de 14,82 días, fronte aos 27,87 de media das comunidades autónomas, o que confirma que Galicia pagou as súas facturas case na metade de tempo que o conxunto das comunidades”. Desta forma, a Xunta de Galicia, un exercicio máis, é quen de compatibilizar altos niveis de execución, con grandes esforzos investidores e un áxil pagamento aos provedores.

Outra das magnitudes que permiten analizar a xestión orzamentaria e a sustentabilidade das finanzas públicas e o aforro bruto, medido como a capacidade de financiar gastos de capital con ingresos correntes. Este indicador mostra que as finanzas galegas reservan arredor do 9 % dos seus ingresos correntes (1.089M€) para financiar operacións de capital que contribúen á mellora económica de Galicia no medio prazo.

En canto ao esforzo investidor, o ano pasado Galicia destinou o 17 % do total do gasto non financeiro a investimentos.

Con estes indicadores, o Executivo galego reafirma a súa aposta por un modelo de crecemento baseado no cumprimento dos obxectivos de déficit e de débeda, o que permite ter maior marxe de gasto nos investimentos, reforzar o gasto social e pagar con máis axilidade aos provedores da Administración. “Os datos amosan unha xestión dos orzamentos rigorosas que da certezas e confianza a cidadáns e empresas”, indicou Corgos.

A Xunta de Galicia remitirá agora a conta xeral ao Parlamento e ao Consello de Contas cumprindo a normativa en vigor. Este ano a rendición realízase de xeito telemático dando así cumprimento a unha das recomendacións do Consello de Contas.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024