A Xunta realiza labores de conservación en varios tramos do río Grande de Xubia nos concellos de Moeche, San Sadurniño, Narón e Neda, que suman máis de 14 km

As tarefas que está a realizar Augas de Galicia consisten na retirada de árbores caídas e biomasa para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar hoxe actuacións de conservación e mantemento en dous tramos fluviais do río Grande de Xubia nos concellos de Moeche, San Sadurniño, Narón e Neda, que suman máis de 14 quilómetros.

As tarefas, que se desenvolverán en vaias parroquias deses municipios, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. Así, actuarase nun tramo de algo máis de 3,3 quilómetros nas parroquias de San Xurxo de Moeche, San Xoán de Moeche e San Xiao de Lamas (San Sadurniño) e noutro de preto de 11 quilómetros nas parroquias naronesas de San Salvador de Pedroso, San Lourenzo de Doso, Santo Estevo de Sedes e Santa Rita de Xubia, así como en Santa María de Neda.

Os traballos, que xa foron comunicados aos respectivos concellos, prolongaranse durante aproximadamente 14 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras e coa utilización dun tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024