A Xunta impulsará o polígono industrial de Anxeriz en Tordoia cun investimento de 560.000€ para reforzar a súa rede eléctrica

Estas axudas van dirixidas a  establecer medidas de reforzo e extensión nos parques que precisan un abastecemento de enerxía eléctrica 

Estes apoios, en colaboración cos concellos, contribúen á captación de investimentos en Galicia e melloran a competitividade das empresas galegas

Tordoia (A Coruña), 23 de setembro de 2024

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, acompañados polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitaron o polígono industrial de Anxeriz para anunciar un investimento de máis de 560.000 euros para a mellora da súa rede de distribución eléctrica. Este investimento únese ao realizado, o ano pasado, que contou cunha axuda da Xunta para a renovación das instalacións de alumeado público no polígono de Pedrasalgueira neste mesmo concello.

Coas axudas de mellora da electrificación búscase establecer medidas de reforzo e extensión nos parques que precisan un abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que permitan cubrir con seguridade e calidade as demandas das empresas que albergan e dos futuros proxectos que poidan implantarse.

Con carácter xeral, a intensidade da axuda é dun 80 % do importe total subvencionable cun máximo dun millón de euros por solicitude.

As principais novidades desta convocatoria foron que o prazo de execución é de tres anualidades para ofrecer tempo suficiente que permita realizar todos os trámites e actuacións necesarios e, ademais, abriuse unha liña específica para aqueles proxectos que obtiveron axuda na última edición pero que tiveron que renunciar por falta de tempo para obter autorizacións e para executar as actuacións.

Infraestructuras

A delegada tamén explicou que o Goberno galego contan con outras axudas para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais de Galicia cun orzamento total de 3,5 millóns de euros, como a que recibiu o ano pasado o polígono de Pedrasalgueira.

Estes apoios, de ata un máximo de 120.000 euros por proxecto, están destinados á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, instalación de sistemas de seguridade, contraincendios e contra o roubo de cable, servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde, así como á mellora de infraestruturas viarias. Cómpre destacar que esta última foi a actuación máis demandada. Os beneficiarios poderán acceder a anticipos do 25%.

A delegada da Xunta explicou que estas liñas de axudas “contribúen a apoiar aos concellos galegos e pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia e para a mellorar a competitividade das nosas empresas”. Neste sentido, aclarou que “encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para achegar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024