Luz verde á construción da nova facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio económico da Xunta

Rueda informa que o Goberno galego “inxectará 12M€ ata 2026” para a construción deste centro a través do Plan de infraestruturas

Destaca que, ademais desa inxección directa, a Xunta autoriza á USC a “negociar coas entidades bancarias o aprazamento da débeda doutros case 10M€, o que lle dá unha dispoñibilidade de fondos de 22M€”

Deste xeito, impúlsase a mellora das infraestruturas universitarias públicas galegas, no marco do Plan de infraestruturas da Xunta, que mobilizará máis de 100M€

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten luz verde para construír a nova Facultade de Farmacia na capital Galicia, “un dos edificios máis demandados pola comunidade educativa”. Así se desprende do informe analizado no Consello, polo que a Xunta confirma a dispoñibilidade de fondos para a edificación desta facultade e evitar así que o alumnado “teña que repartirse entre outras facultades”, tal e como apuntou o titular do Goberno galego.

Para iso, o Goberno galego “inxectará 12M€ á USC ata 2026” para a construción deste edificio a través do Plan de infraestruturas universitarias, a razón de 4M€ nas anualidades de 2024, 2025 e 2026. Súmanse aos 4M€ que xa se transferiron á universidade compostelá ao abeiro deste plan en 2023, e que se están a destinar fundamentalmente á rehabilitación da Facultade de Química. Entre os compromisos de colaboración entre Xunta e USC en materia de infraestruturas tamén se mantén o compromiso co traslado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

Por outra banda, tal e como salientou Rueda, a Universidade de Santiago de Compostela “poderá negociar coas entidades bancarias o aprazamento do pagamento da débeda doutros case 10M€, o que lle dará á universidade unha dispoñibilidade de fondos de 22M€”.

Con estes fondos, a USC comprométese a executar un proxecto de construción para a Facultade de Farmacia de 24,5M€. “O resto do financiamento, 2,5 M€, sairá dos fondos propios da universidade”, engadiu, ao tempo que sinalou que a previsión da USC é “comezar as obras de construción o ano que vén e que  a nova facultade estea rematada no 2027”.

Desta forma impúlsase a mellora das infraestruturas universitarias públicas galegas, no marco do Plan de infraestruturas que o Goberno galego habilitou o pasado ano para este fin, cun orzamento total de 40M€.

Nova Cidade da Saúde

A Universidade de Santiago de Compostela fixou entre os seus obxectivos no marco do Plan de infraestruturas a creación da nova Cidade da Saúde na capital galega, un conxunto de edificios que acollerá a Facultade de Enfermaría, a Facultade de Farmacia, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro.  A previsión é construír módulos enerxeticamente eficientes, cunha baixa demanda e con produción propia de enerxía mediante fontes renovables.

Coa nova inxección económica garántese a viabilidade, dentro da Cidade da Saúde, da nova Facultade de Farmacia, un dos edificios máis demandados pola comunidade universitaria, dada a deterioración do edificio actual, que leva afectando o alumnado e docentes desde hai case unha década.

Mobilizar máis de 100M€

Ambas as actuacións enmárcanse no Plan de infraestruturas universitarias da Xunta, a través do que inxecta ás tres universidades públicas galegas ata 2026 un total de 40M€ para a mellora dos seus centros e facultades. A través deste plan, complementario aos recursos propios das universidades e a outro tipo de axudas que poidan percibir, prevese mobilizar arredor de 100M€.

O obxectivo é seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do Sistema universitario de Galicia, a través de melloras nas infraestruturas dos sete campus, tanto rehabilitacións como construción de novos edificios modernos para facultades e centros de investigación adaptados aos retos de futuro.

Este investimento súmase, como unha cantidade adicional, ao Plan galego de financiamento universitario 2022-2026, a folla de ruta de financiamento estable e certo coa que contan as universidades galegas. Engádese, ademais, ao convenio asinado en 2021, por importe de 4,5M€, para a mellora da eficiencia enerxética das infraestruturas universitarias, como anticipo a este plan de Infraestruturas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024