Rueda destaca que preto de 20.000 estudantes universitarios e de Ensinanzas Artísticas Superiores vanse beneficiar da matrícula gratuíta da Xunta para os seus estudos

Asegura que xa son máis de 10.300 os beneficiarios e a cifra vaise incrementar unha vez que peche o derradeiro prazo de matrícula e o Ministerio resolva as súas bolsas 

Salienta que o Goberno galego aboará ás universidades un pagamento inicial de preto de 5,6 M€ este mes en concepto de compensación, “dous meses antes sobre o previsto”, cifra que se seguirá ampliando en próximos pagamentos

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que “xa son 9.659 estudantes de grao e 647 de ensinanzas artísticas” que se beneficiaron da gratuidade da matrícula para este curso en Galicia e que a previsión é que finalmente esta cifra se duplique e se chegue “arredor de 20.000 estudantes ao longo de todo o curso”. 

Segundo o informe elevado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP ao Consello da Xunta, estímase que a cifra de beneficiarios da matrícula de balde aumente logo de que nos próximos meses peche o derradeiro prazo de matrícula en outubro, e se resolvan as bolsas de estudo estatais entre xaneiro e febreiro do próximo ano. Trátase, por tanto, de estudantes que cumpren coas condicións para a matrícula gratuíta da Xunta pero están pendentes doutras exencións que, de non obtelas, se lles aplicaría a bonificación autonómica.  

Así pois, no caso dos estudos de grao universitario, a día de hoxe aínda quedan arredor duns 8.000 posibles novos beneficiarios pendentes da bonificación por estaren pendentes da aplicación dalgunha das exencións previstas como ser beneficiario dunha bolsa do Ministerio, ter matrícula de honra, persoal universitario ou familia numerosa entre outros, ou ben estar pendente da revisión dalgunha incidencia. Isto é, que as persoas que solicitaron outras exencións, se finalmente non as obteñen pero cumpren cos requisitos establecidos pola Xunta, vanse beneficiar da gratuidade, o que elevará a cifra final. 

Tal e como explicou o presidente, a gratuidade da matrícula supón “un déficit na tesourería das universidades públicas” e, por iso, o Consello acordou “adiantar” o pago ás universidades “en compensación pola baixada de ingresos” ante esta medida. En concreto, a Xunta vai aboar 5,6 M€ ao longo deste mes aos campus, “é dous meses antes do prazo pactado inicialmente”.

Por universidades e especialidades

Por universidades, a Universidade de Santiago vai recibir 2,2M€ correspondentes ás 3.933 matrículas certificadas ata o momento, a Universidade de Vigo recibirá 1,6M€ por 2.889 matrículas validadas e a Universidade da Coruña 1,7M€ por 2.837 matrículas. O investimento derivado das fases posteriores irase aboando a medida que se avance no proceso. 

No que atinxe ás matrículas das Ensinanzas Artísticas Superiores, xa se beneficiaron da gratuidade un total de 647 estudantes  a razón de 337 da especialidade de Deseño, 214 da de Música, 70 de Arte Dramática e 26 de Conservación e Restauración de Bens Culturais, o que implica un desembolso de 276.397€ por parte da Xunta de Galicia. Non obstante, estímase que a cifra final de beneficiarios acade os 1.000, logo de que se resolvan as exencións que aínda están pendentes de aplicar.  

Medida pioneira en España

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia implantou por primeira vez neste curso a medida pioneira da gratuidade da matrícula para todos os estudantes de grao coa bonificación equivalente ao 99 % das taxas para todos aqueles que inician os seus estudos nas tres universidades públicas galegas, e para os alumnos de continuidade de 2º curso en diante que superasen durante o curso anterior porcentaxes de créditos que varían entre o 65 % e o 90 %, segundo a área de coñecemento. Tamén se benefician desta medida os estudantes de Ensinanzas Artísticas Superiores. 

 

A posta en práctica desta medida supón redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardaría, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que se fomenta a cultura do esforzo, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico. 

 

                      

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024