Así o recolle o Portal de Contratos Públicos de Galicia

A Xunta licita o servizo de transporte de sangue, compoñentes sanguíneos e plasma por un importe de 1,8 M€

O contrato prevé un período de prestación do servizo por dous anos

A nova licitación pretende cumprir coas máis esixentes normas nacionais e internacionais de calidade e incorporar medios tecnolóxicos de última xeración

No pasado ano recolléronse en Galicia máis de 103.000 doazóns de sangue, sendo a quinta comunidade en índice de doazón de sangue, cunha participación tres puntos por riba da media nacional

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de publicar no Portal de Contratos Públicos, a licitación, por importe de 1.857.281 euros, do servizo de transporte de sangue, compoñentes sanguíneos, plasma e outros para a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS). As empresas interesadas na prestación deste servizo teñen ata o vindeiro 22 de outubro para presentar as súas ofertas.

Con esta nova licitación, adaptada aos prezos de mercado, a Xunta garante a correcta e imprescindible recollida, transporte e entrega de sangue co obxecto de garantir un servizo público esencial.

Entre as prestacións obxecto deste contrato están a recollida e entrega de sangue e compoñentes sanguíneos na Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, emprazada en Santiago de Compostela; o transporte e entrega de sangue e compoñentes sanguíneos nos distintos hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde e a súa recollida nos sete locais de doazón e nas unidades móbiles, ademais da recollida de sangue de cordón umbilical nos hospitais públicos de Galicia ou as recollidas para colectas especiais.

O servizo de transporte de sangue e compoñentes sanguíneos atópase altamente regulado, é moi especializado e precisa de temperaturas controladas e trazabilidade permanente. A nova licitación pretende cumprir coas máis esixentes normas nacionais e internacionais de calidade e incorporar medios tecnolóxicos de última xeración.

A Axencia de Sangue, Órganos e Tecidos ten como fin actuar como un instrumento de xestión eficiente para asegurar a doazón voluntaria de sangue, o procesamento, fraccionamento, almacenamento e o abastecemento de compoñentes sanguíneos e hemoderivados, así como a coordinación de transplantes de órganos e a obtención, procesamento, almacenaxe, distribución e implante de células e tecidos, aplicando os correspondentes criterios de calidade vixentes na lexislación.

Carácter solidario da cidadanía galega

No pasado ano recolléronse en Galicia máis de 103.000 doazóns de sangue, sendo a comunidade a quinta en índice de doazón de sangue, cunha participación tres puntos por riba da media nacional de doazón de sangue.

A Xunta remarca tamén o carácter solidario dos máis de 15.000 cidadáns galegos que xa forman parte do Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea. En concreto, no que vai de ano e a data do 15 de setembro, rexistráronse como doantes 1.004 persoas, cifra que supón un notable incremento con respecto aos 870 doantes rexistrados nos doce meses do ano anterior.  

Así mesmo, Galicia rexistrou un aumento do 57% no número de doadores de órganos e do 32% nos transplantes durante os primeiros cinco meses de 2024 con respecto ao mesmo período do ano anterior. 

Data de actualización: 23/09/2024