A Xunta licita por case 96.000€ as obras de humanización da praza de Picoutiños en Nogueiró, no concello de Cartelle

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asume o 70% do orzamento e o Concello achega o 30% restante, sumando un orzamento global de 110.000€

O Goberno galego, ademais de levar a cabo a contratación, tamén executará as obras

O obxectivo das actuacións, ao abeiro do Plan Hurbe, é acondicionar a praza de Picoutiños para funcionar como área recreativa e de esparexemento, fomentado a actividade social

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

A Xunta licita por case 96.000€ as obras de humanización da praza de Picoutiños en Nogueiró, no Concello de Cartelle.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta licitación, establecendo o prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 22 de outubro.

Esta actuación enmárcase nun convenio de colaboración entre a Xunta, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de Cartelle, que achegará o 30% restante, sumando así un orzamento global de 110.000€.

As intervencións que forman parte deste acordo serán contratadas e executadas pola Consellería de Vivenda.

O obxectivo é acondicionar a praza de Picoutiños para funcionar como área recreativa e de esparexemento, fomentado a actividade social e tratando de convertela nun lugar apracible para os veciños, o que redundará na mellora da calidade de vida da poboación.

Esta intervención acométese ao abeiro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas.

Data de actualización: 23/09/2024