A Xunta licita as obras de humanización de varias prazas de Coristanco, ao abeiro do Plan Hurbe

A actuación permitirá humanizar as prazas de San Antonio e do Cruceiro, na parroquia de San Lourenzo da Agualada, e a rúa e a praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba

As obras saen a licitación por un orzamento de preto de 300.000€ e as empresas interesadas terán de prazo ata o 22 de outubro para presentar as súas ofertas

Segundo o convenio asinado entre a Xunta e Concello, a Administración autonómica asume o 70% do orzamento e o Concello achega o 30% restante

Os traballos enmárcanse no Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar intervencións de mellora de equipamentos das contornas urbanas e recuperación do espazo público

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia vén de licitar hoxe as obras de humanización de varias prazas de Coristanco por preto de 300.000€ (298.722€), enmarcadas no Plan Hurbe da Administración autonómica. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 de outubro para presentar as súas ofertas.

En concreto, a actuación prevista en Coristanco permitirá humanizar as prazas de San Antonio e do Cruceiro, no lugar de Agualada, e a rúa e praza de San Roque, na parroquia de Santa María de Traba, nas que se levarán a cabo diversas intervencións para unificar os distintos espazos e mellorar a accesibilidade, ademais de substituír elementos danados.

Os traballos fináncianse a través do convenio asinado entre a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta e o Concello ao abeiro do Plan Hurbe, impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar intervencións de mellora de equipamentos das contornas urbanas e recuperación do espazo público.

A través deste convenio, o Goberno galego cofinancia nun 70% as intervencións, contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Coristanco achegará o 30% restante do orzamento, e asume a redacción do proxecto, as xestións para posibilitar a execución das obras, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións, que incorporará ao patrimonio público municipal.

Máis en detalle, as obras proxectadas na praza de San Antonio pretenden unificar a praza e, deste xeito, eliminarase o paso existente que divide a zona da fonte coa Igrexa e utilizarase o mesmo pavimento de pedra existente no resto da praza, para darlle un acabado uniforme a todo o conxunto. Substituiranse así mesmo as baldosas danadas e recolocaranse as árbores existentes no lado da fonte, para ofrecer un mellor acceso á praza.

No que atinxe á praza do Cruceiro, abordarase unha plataforma única para integrar o colexio coa zona de xogos infantís, creando unha zona preferentemente peonil e facilitando a accesibilidade da zona, coa desaparición das estreitas beirarrúas e a creación dun espazo máis amplo. O acceso rodado será nunha única dirección.

Así mesmo, está prevista a plantación de árbores, a colocación de farois ao longo da devandita plataforma e a creación dunha zona de aparcamento. Tamén se colocará un valado sobre o muro da zona de xogos e a obra completarase coa retirada e soterramento do cableado e a recollida das augas pluviais ao final da rúa.

Por outra banda, na rúa e na praza de San Roque, a intervención prevista persegue dar un mellor acceso á praza desde o centro do pobo, para o que se ampliarán as beirarrúas no inicio da rúa de actuación. Prevese que o sentido de circulación de vehículos na praza sexa único.

Ademais, dotarase de iluminación á zona, unificaranse os paseos e recolocaranse bancos, farois e papeleiras existentes. Tamén se regularizará o acceso á área de xogos e delimitaranse a zona de aparcamentos ao redor da praza e un carril bici no lado oposto aos aparcamentos. Todas as actuacións perseguen, tamén, adaptar as condicións dimensionais, os acabados e os servizos urbanos ás ordenanzas municipais do Concello.

Data de actualización: 23/09/2024