Profesionais e empresas do turismo de saúde de 25 países participarán desde este xoves en Ourense na feira Termatalia co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Ourense participaron hoxe na rolda de prensa de presentación da nova edición

Ourense, 23 de setembro de 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe na rolda de prensa da nova edición de Termatalia que se celebrará o xoves e venres en Ourense e na que participarán profesionais e empresas do turismo de saúde de 25 países.

Xosé Merelles puxo en valor a colaboración da Xunta de Galicia para a celebración dun evento como Termatalia que, como dixo, “serve ano a ano para debater e analizar as vías de colaboración internacional e as posibilidades de futuro que ofrece o termalismo en todas as súas vertentes”, dixo. Neste sentido, puxo de manifesto a aposta estratéxica do Goberno autonómico por este sector pola súa capacidade de diversificar a oferta e desestacionalizar.

Neste sentido, recordou que a Xunta de Galicia está xestionando este ano 23M€ de fondos Next Generation co que se está a desenvolver o Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas Termais que está a beneficiar a medio cento de concellos “coa intención de potenciar e mellorar as súas capacidades no termalismo”, explicou. Xosé Merelles felicitou á organización pola súa aposta por un evento que se consolida ano a ano como referente para o turismo de saúde que, como dixo, “está cada vez máis en auxe e temos que dar unha boa resposta ás necesidades dos viaxeiros”.

A edición deste ano de Termatalia é a número 22 e celébrase os días 26 e 27 de setembro en Ourense con distintas actividades como unha feira con máis de 100 expositores, un congreso con 30 relatores e un workshop con 28 touroperadores, así como actividades abertas ao público.

Intelixencia artificial e termalismo

É a edición máis profesional e convoca a destinos, empresas e profesionais do turismo de saúde de países como Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, EEUU, Hungría, Israel, Italia, Lituania, México, Panamá, Polonia, Portugal, Rumanía, Serbia, Suecia, Suiza, Tailandia, Taiwán e Uruguai, que foi a sede do ano pasado.

A formación especializada estará centrada no V Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, que abordará a auga termal desde distintas perspectivas: empresarial, médica, innovación, wellness, sostibilidade e, por primeira vez, analizaranse as vantaxes que a Intelixencia Artificial podería achegar ao termalismo.

Participarán 30 expertos procedentes de 12 países. Este Congreso celébrase de forma complementaria ao Congreso Internacional da Agua que promove o Campus Auga da Universidade de Vigo e que celebrará unha sesión previa o mércores 25 de septiembre en Expourense que servirá de antesala a Termatalia que comeza ao día seguinte.

Termatalia acollerá tamén a presentación de distintas opcións formativas regradas para cursar estudos en termalismo, tanto en Formación profesional como na Universidade. Ademais, os alumnos do CIFP A Farixa e do CIFP 12 de Outubro de Ourense estarán na feira para realizar distintas demostracións de masaxes e actividades físicas saudables, control postural, valoración da condición física e benestar. Para as distintas actividades da feira confirmaron a súa presenza máis de 500 estudantes de FP.

Servirá tamén de plataforma para a industria da auga mineral envasada con actividades como a Cata Internacional de Augas, que celebrará a súa 20 edición e na que participan augas minerais de España, Portugal e Costa Rica. Haberá tamén un bar de augas con catas expres. Para o público xeral, contarase con áreas de masaxes, haberá obradoiros de sonoterapia e de ioga wellness. Completarase con dúas exposicións permanentes vencelladas ao termalismo, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024