Preto de 49.000 persoas beneficiáronse xa en Galicia das actuacións cofinanciadas polo fondo social europeo FSE+

O 53% das persoas beneficiadas son mulleres

Desde o inicio do período de programación seleccionáronse operacións por importe de 248,8 M€ en todas as prioridades que conforman o Programa

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

Un total de 48.869 persoas beneficiáronse en Galicia de 56 actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE+) no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027. Delas, 26.095 son mulleres, o que supón o 53% das persoas beneficiadas. Estas actuacións teñen como obxectivos apoiar a formación e o emprego, tendo en conta especialmente o colectivo xuvenil, así como loitar contra a pobreza e a discriminación.

Desde o inicio do período de programación, seleccionáronse operacións por importe de 248,8 millóns de euros en todas as prioridades que conforman o Programa.

As actuacións financiadas coa axuda do Programa FSE+ abarcan ámbitos como o do emprego, a educación, a formación e a capacitación, a inclusión social e a loita contra a pobreza, o emprego xuvenil, a innovación social ou a garantía infantil. Todos eles contribúen á perspectiva social necesaria nas transicións que afronta a UE, agora cun novo mandato 2024-2029.

Con respecto ao período 2014-2020, mantéñense algunhas actuacións que ademais tiveron éxito como, por exemplo, os incentivos ao autoemprego, particularmente o feminino, os programas de conciliación e promoción da igualdade ou de mediación en casos de desafiuzamento.

A elas tamén se sumaron novas iniciativas como as integradas na garantía infantil, como os programas de preservación familiar ou de tratamento terapéutico de nenos, nenas e adolescentes que están no sistema de protección. No ámbito da inclusión social, destacan o programa de acompañamento social e mediación na promoción da saúde da poboación xitana, e dentro do ámbito da innovación social, o programa de prevención do suicidio en adolescentes e adultos novos.

En xeral, os obxectivos do Programa son a mellora do emprego, a protección social, a cualificación das persoas traballadoras e desempregadas así como as condicións de vida da infancia e a mocidade.

Comité de seguimento

A segunda reunión do Comité de Seguimento do Programa FSE+ Galicia 2021 – 2027 celebrarase mañá martes 24 de setembro na Sala de Plenos do Consello Económico e Social de Galicia, e contará coa presenza do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Por parte da Xunta de Galicia, presidirá a reunión o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío; xunto con representantes da Comisión Europea e da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo (UAFSE) do Ministerio de Traballo e Economía Social. Participarán igualmente representantes dos organismos xestores das actuacións na Xunta de Galicia, así como das organizacións máis representativas nos eidos de emprego, a educación e a inclusión social: universidades, sindicatos e entidades do terceiro sector.

A celebración da reunión completarase con dúas visitas a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo Plus, nos ámbitos da protección á infancia e da inclusión social.

Así, hoxe mesmo visitarase na Pobra do Caramiñal o Programa de Espazos de Preservación Familiar, no que se desenvolve un servizo integral de apoio á protección e promoción da infancia e da adolescencia e mañá martes, o Centro Vieiro de Cáritas en Santiago no que se realizan itinerarios de inclusión sociolaboral e, en particular, actuacións de inclusión residencial.

Data de actualización: 23/09/2024