Miranda reforza os vínculos coa colectividade galega en Santos, destacando a importancia das entidades do exterior que manteñen viva a nosa cultura

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe nun encontro cos galegos e galegas residentes na cidade de Santos, en Brasil

Alí, reafirmou o compromiso da Xunta co mantemento dos lazos culturais e co apoio ás entidades que traballan a prol da comunidade galega

Santos (Brasil), 23 de setembro de 2024

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe nun encontro coa colectividade galega en Santos, Brasil, co obxectivo de seguir reforzando os vínculos entre a Xunta e os galegos residentes neste país. Durante a xuntanza, Miranda destacou a importancia de manter un contacto directo cos galegos do exterior e de estreitar lazos coas entidades que traballan a prol da comunidade galega.

Neste senso, Rodríguez Miranda subliñou que o Executivo galego mantén un firme compromiso con seguir ofrecendo apoio institucional ás organizacións galegas no exterior, recoñecendo o seu papel fundamental na promoción da cultura e dos valores da nos terra. Durante o encontro abordáronse as necesidades máis urxentes da colectividade en Santos e o secretario xeral escoitou de primeira man as demandas das entidades culturais e sociais da cidade. Así mesmo, insistiu na importancia de preservar e promover a identidade galega máis aló das fronteiras de Galicia, fomentando o mantemento dos lazos culturais e a solidariedade entre galegos.

Brasil é o segundo país do mundo con maior presenza galega, cunha comunidade de máis de 50.000 residentes. O 80% desta poboación concéntrase en cidades como Salvador de Bahía, Río de Janeiro, São Paulo e Santos. Esta última cidade é un dos puntos clave na relación entre Galicia e a súa diáspora, fortalecendo os lazos culturais e sociais que unen ambas as dúas terras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024