O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración inaugurou en Santiago as mesas sobre atracción de talento nas empresas galegas

A Xunta avanza da man dos principais sectores produtivos no reto de abordar a cobertura das vacantes laborais e a captación de talento

José González puxo en valor o esforzo conxunto público-privado que supoñen estas xornadas para abordar en común co tecido produtivo un reto de tanto calado como é o de dar resposta á demanda de man de obra que precisan

Celebraranse mesas de traballo cos sectores metalmécánico, construción, agroalimentario, turístico, TIC e loxístico para coñecer as súas necesidades específicas de persoal e detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura

Tamén se lles informará sobre as diferentes vías e recursos que ten en marcha a Administración autonómica para facilitar a incorporación ao mercado laboral de talento foráneo

Nesta liña, púxose o foco na Estratexia Galicia Retorna, que promove a integración social laboral de galegos retornados, ou o Programa Arraigo Formación, dirixido á capacitación de persoas estranxeiras que non contan cos permisos de residencia

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, inaugurou esta mañá na Cidade da Cultura a primeira das mesas de traballo do Programa de Atracción de Talento nas empresas galegas, que se celebrarán desde hoxe e ata o vindeiro mércores.

Estas xornadas -que contan coa participación dos sectores metalmécánico, construción, agroalimentario, turístico, TIC e loxístico- enmárcanse nas liñas de acción que está promovendo a Xunta coa finalidade de coñecer as necesidades específicas de persoal do tecido produtivo galego, identificar as barreiras de acceso a man de obra, especialmente da estranxeira, e informar sobre as diferentes vías e recursos que ten en marcha a Administración autonómica para facilitar a incorporación ao mercado laboral da colectividade galega do exterior e de persoas estranxeiras. Así mesmo, búscanse detectar as carencias do catálogo de postos de difícil cobertura, coa idea de propoñer a súa actualización ao Goberno central.

Na súa intervención, José González puxo en valor o traballo conxunto público-privado que supoñen estas mesas para abordar en común coas empresas un reto de tanto calado como é o da cobertura das vacantes laborais, que definiu como un desafío tan estrutural como común nos diferentes mercados de traballo e ao que desde o Executivo se busca dar resposta para que o tecido empresarial siga sumando competitividade e á vez se mellore a empregabilidade dos cidadáns.

Así mesmo, destacou que Galicia enfronta tamén retos demográficos que requiren solucións innovadoras e sustentables, polo que resulta fundamental atraer talento foráneo para seguir sumando capacidades, sempre, insistiu, de xeito ordenado e xeito aliñado coas necesidades das empresas.

Oportunidades de atracción de talento en Galicia

O conselleiro puxo o foco nos tres grandes áreas que marcan a folla para a atracción de talento en Galicia. A primeira delas, indicou, está centrada na modernización do Servizo Público de Emprego, no impulso da empregabilidade a través das microformacións e na necesaria optimización das listas de demandantes. Nesta liña, destacou os bos resultados do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que permite afinar as listas do paro para que nelas estean as persoas que realmente demandan emprego de xeito activo.

A segunda das liñas de traballo está relacionada coa colectividade galega do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna, dotada de 450 millóns de euros para favorecer o retorno de 30.000 galegos e os seus descendentes. O titular de Emprego salientou que hoxe Galicia é unha terra de oportunidades á que poden regresar para sumar o seu talento e capacidades ao mercado laboral, contribuíndo a cubrir vacantes e tamén a afrontar o propio reto demográfico.

Finalmente fixo mención a que Galicia, como terra aberta ao talento, aposta pola integración sociolaboral das persoas estranxeiras, entendida sempre de xeito ordenado, con contratación en orixe e en base á capacitación para un emprego de calidade. Como mostra desta liña de traballo -e no referido ás persoas estranxeiras que non contan cos permisos de residencia- fixo referencia ao lanzamento dunha nova edición do Programa Arraigo Formación que favorece, a través das microformacións, a súa inserción laboral e a regularización da súa situación, ao tempo que se contribúe tamén a facer fronte á escaseza de man de obra en certos sectores do mercado laboral, unha iniciativa que volve converter Galicia nunha Comunidade Autónoma pioneira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2024