A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá este espazo

A Xunta poñerá en marcha en Lugo, antes de que remate o ano, un centro de crise 24h para atender a vítimas de agresións sexuais

Este espazo estará situado nas instalacións do Complexo Hospitalario Lucus Augusti e será un dos cinco que haberá en Galicia

Cada un destes puntos de atención especializada para vítimas de violencia sexual contará cun equipo de sete profesionais para ofrecer atención psicolóxica, xurídica e social continuada

O investimento do Goberno galego ascende a 11 M€, para poñer en marcha e financiar o funcionamento do servizo durante os próximos anos

Lugo, 21 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares, visitou esta mañá o espazo onde estará situado o centro de crise 24 horas da Xunta, nas instalacións do Complexo Hospitalario Lucus Augusti.

É un dos puntos de atención especializada para vítimas de violencia sexual que estarán en funcionamento no último trimestre do ano en diferentes cidades galegas. Os outros estarán nas cidades de Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo.

Cada un destes centros contará cun equipo formado por sete profesionais: tres psicólogos, dous traballadores sociais, un auxiliar, para atención xeral, e un asesor xurídico, para a xestión de posibles denuncias. Deste xeito, ofrecerase atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas e os 365 días do ano.

A aposta do Goberno galego

A Xunta de Galicia investiu 11 millóns de euros para poñer en marcha e garantir o funcionamento dos cinco centros de crise 24 horas nos próximos anos. Fabiola García destacou que, con este novo servizo, a nosa comunidade dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen. Unha atención que se suma á que ofrecen os máis de 80 Centros de Información á Muller (CIM) para dar servizo a 200 concellos, e diversas entidades sociais, a través de convenios co Goberno galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024