A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe no acto, no que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias

Fabiola García inaugura o primeiro centro de día especializado na atención a persoas con trastorno do espectro autista da provincia de Lugo

A entidade Raiolas é a responsable deste novo servizo, situado no campus universitario e que contou co apoio da Xunta de Galicia

Ofrece 15 prazas de atención diúrna, das cales 10 están financiadas pola Administración autonómica

Lugo, 21 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou hoxe o éxito que supón que a Asociación Raiolas teña en funcionamento o que é o primeiro centro de día da provincia de Lugo especializado na atención a persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Díxoo no acto de inauguración deste novo servizo, situado nun edificio que estaba en desuso no campus universitario lucense.

Fabiola García, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias, puxo en valor o bo facer de Raiolas, que leva máis de 20 anos acompañando ás persoas con TEA e ás súas familias, e demostrando que o seu traballo é útil e necesario. Neste sentido, sinalou que este novo servizo súmase ao magnífico labor que fai a entidade para mellorar a calidade de vida das persoas.

A Administración autonómica colaborou economicamente con Raiolas na construción deste equipamento, que ofrece 15 prazas de atención diúrna, das cales 10 están financiadas pola Xunta de Galicia.

A conselleira fixo fincapé na estreita colaboración que o Executivo autonómico mantén coas entidades sociais para poñer á disposición das persoas con discapacidade e das súas familias máis servizos, máis facilidades e máis coidados coa maior axilidade posible. Ao respecto, subliñou a ampla rede de atención temperá coa que conta a nosa comunidade, así como o seu sistema educativo inclusivo e adaptado ás necesidades, os centros específicos de emprego e a creación de novas prazas de atención á discapacidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024