A Xunta avanza na internacionalización achegando o destino a profesionais de Holanda, India e Reino Unido

Estas semanas desenvólvense viaxes de familiarización con touroperadores para seguir impulsando o mercado internacional, que supón agora o 30 % da demanda turística

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia continúa coa súa estratexia de internacionalización do destino con accións de promoción entre tourperadores e prescriptores explorando distintos mercados estranxeiros, en concreto, de Holanda e Reino Unido, en Europa, e India, en Asia. A intención é seguir diversificando e ampliando os mercados internacionais e impulsar o turismo estranxeiro, que representa o 30 % da demanda turística galega.

En colaboración coas Oficinas Españolas de Turismo da Haia, Bombai e Londres, desde esta fin de semana e durante os vindeiros días, tres grupos de profesionais do ámbito turístico destes países visitarán Galicia co obxectivo de coñecer as potencialidades e oportunidades que ofrece o destino galego aos turistas holandeses, hindús e británicos. Así, o touroperador neerlandés Ardanza realizará unha visita de prospección para coñecer os atractivos turísticos de Galicia, prestando especial atención a factores coma a paisaxe, a gastronomía, o clima e lugares con encanto, todos eles moi valorados polos holandeses á hora de elixir un lugar para as súas vacacións. A viaxe deste touroperador estase a coordinar coa Oficina Española de Turismo da Haia.

Tamén en colaboración pero nesta ocasión coa OET de Bombai, Turismo de Galicia organiza unha viaxe de familiarización para tres axentes de India. Nesta ocasión, estes profesionais visitan Galicia na procura de atender as demandas dun turista pertencente a unha das principais economías emerxentes que viaxe en familia ou en grupo e que valora especialmente o clima, o patrimonio dos destinos, as experiencias culturais e novas así coma a hospitalidade. Tamén está prevista a viaxe de seis axentes británicos no marco dunha colaboración entre Turismo de Galicia e a OET de Londres.

Neste caso, o turista británico valora especialmente a accesibilidade do destino, a seguridade e a boa relación calidade-prezo. Aínda que a motivación principal é o produto turístico relacionado co sol e praia, cada vez demanda máis propostas de actividades complementarias de aventura, natureza, cultura, turismo urbano e gastronomía.

Precisamente, as oportunidades que ofrece Galicia en canto a paisaxe, patrimonio, cultura, experiencias novas, turismo de natureza, deportivo e gastronomía serán aspectos a destacar en todas estas viaxes de familiarización nas que tamén terá un papel importante o Camiño de Santiago.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2024