A conselleira de Política Social e Igualdade visitou o stand situado no Caudal Fest de Lugo

Fabiola García subliña que máis de 15.000 persoas pasaron pola área de Igualdade e punto lila e arco iris da Xunta nos festivais

Nestes espazos ofreceuse atención e asesoramento e realizáronse actividades de sensibilización sobre a igualdade, a violencia de xénero e o colectivo LGBTI

A conselleira destaca a “boa acollida” dun servizo que se converteu nun espazo seguro integral no que as persoas se sentiron acompañadas, seguras e atendidas

Xosé Merelles salienta a colaboración de Turismo de Galicia para implementar esta acción fundamental e prioritaria en lugares con gran congregación de persoas

Lugo, 21 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a Área de Igualdade e punto lila e arco iris da Xunta do Caudal Fest na cidade de Lugo, onde fixo balance desta campaña que se levou aos sete festivais musicais con maior afluencia de público de Galicia en colaboración con Turismo de Galicia. Tratouse dun espazo de sensibilización e concienciación en clave de igualdade e de atención e asesoramento continuado ante calquera tipo de violencia de xénero ou LGBTifóbica.

A conselleira, que estivo acompañada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou “a boa acollida destes puntos polos que pasaron máis de 15.000 persoas ao longo deste verán”. Así, explicou que contou con catro profesionais -psicóloga, sexóloga, traballadora social e pedagoga ou educadora social- especializadas en igualdade, prevención da violencia de xénero e intervención en casos de violencia sexual ou trata.

Fabiola García sinalou que estes acontecementos de lecer nos que se congregan un gran número de persoas “poden servir tamén como lugar de aprendizaxe no ámbito da igualdade”. Ademais, destacou que accións coma esta son fundamentais para estar preto da mocidade, escoitala e que acheguen información á Xunta de Galicia para poñer en marcha novas accións.

Pola súa banda, Xosé Merelles salientou a colaboración de Turismo de Galicia para implementar esta acción fundamental e prioritaria en lugares de tanta congregación de persoas como son os festivais de música. Neste sentido, quixo aproveitar para destacar o apoio da Xunta ao Caudal Fest como un dos patrocinadores principais no marco da súa aposta por intensificar a oferta turística da cidade de Lugo e incrementar o seu atractivo da man dos festivais musicais.

Sensibilización, asesoramento e atención continuada

A área de igualdade contou con dinámicas que tiñan como obxectivo que o público reflexionase sobre temáticas relacionadas coa igualdade, a violencia de xénero e o colectivo LGBTI, e estivo activa nas horas de maior interacción do público. O punto lila e arco iris ofreceu atención, acompañamento e asesoramento durante toda a apertura dos festivais, contando ademais cunha zona privada para atender casos que precisasen unha atención máis tranquila e confidencial.

É importante destacar a eficacia da acción conxunta de ambos espazos, que serviron para complementarse, derivándose a persoas ao punto lila e arco iris para ofrecerlle un asesoramento individual.

A Área de Igualdade e punto lila e arco iris, ademais de cumprir co obxectivo de sensibilizar, concienciar e atender a posibles casos de violencia, converteuse nun espazo seguro integral no que as persoas se sentiron acompañadas, seguras e atendidas. Neste sentido, a Xunta seguirá preto da xuventude ocupando espazos de lecer para ofrecerlles acompañamento de profesionais en lugares nos que pode resultarlles máis sinxelo expresarse e pedir axuda.

A Xunta de Galicia puxo en marcha esta acción entre os meses de xuño e setembro en no Son do Camiño (Santiago de Compostela), Portamérica (Portas), Festival de Ortigueira, Atlantic Fest (Vilagarcía de Arousa), Morriña Fest (A Coruña), Río Verbena (Pontevedra) e Caudal Fest (Lugo).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024