O Goberno central confirma que se personará ante o Tribunal Europeo en defensa da lei estatal na que se basea a tramitación galega dos proxectos eólicos

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2024

O Goberno central confirmou onte que se personará ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) en defensa da lei estatal de avaliación ambiental na que se basea a tramitación galega dos proxectos eólicos.

Así llo comunicou persoal técnico e xurídico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a unha delegación da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático nunha reunión celebrada onte en Madrid para abordar a cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentou ante o TXUE, na que pon en dúbida a tramitación ambiental de proxectos eólicos realizada pola Xunta en aplicación da lexislación básica estatal.

Durante o encontro, no que participaron a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, e as directoras xerais de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, os altos cargos ministeriais insistiron en que o Goberno central fixo unha correcta transposición da directiva europea ao ordenamento xurídico nacional  e que, de feito, se vén aplicando desde o ano 2013 en Galicia e en todo o Estado. 

Nesa liña, o Goberno galego pon en valor que o Executivo central apoie a necesidade de que esta cuestión se resolva coa maior celeridade aos efectos de outorgar seguridade xurídica aos promotores de proxectos eólicos e desbloquear a actual situación de parálise que sofre o sector en Galicia e que podería afectar ao resto do territorio nacional e, mesmo, a outras actividades que requiren de tramitación ambiental.

Data de actualización: 21/09/2024