Miguel Corgos destaca o papel das tecnoloxías intelixentes para unha boa xestión do territorio cuns servizos máis eficaces para os cidadáns

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou hoxe na celebración da XXVIII Noite Galega das Telecomunicacións 

O Grove (Pontevedra), 20 de setembro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel clave das tecnoloxías intelixentes para unha boa xestión do territorio, cuns servizos máis eficaces para os cidadáns e cunhas infraestruturas adaptadas para xerar riqueza e benestar.

Durante a súa participación na celebración da XXVIII Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, Miguel Corgos referiuse deste xeito á utilidade de ferramentas como a xestión intelixente dos datos, a internet das cousas ou a intelixencia artificial.

“Queremos que as tecnoloxías intelixentes nos axuden para mellorar a mobilidade por estradas, a través da Plataforma galega de mobilidade, para mellorar a xestión das explotacións agrícolas e gandeiras, a través da Plataforma agroforestal galega; para prestar a mellor atención posible aos nosos maiores e ás persoas con discapacidade, a través de iniciativas como as residencias intelixentes”, explicou, a modo de resumo, incidindo en que as telecomunicacións son unha das principais ferramentas para a cohesión dun territorio diverso e complexo como o galego, cunha poboación moi dispersa.

Con este obxectivo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, recordou a posta en marcha da Rede Galega de Internet das Cousas, que permitirá instalar no territorio ata 300.000 sensores de todo tipo e xestionar os datos recollidos.

Así mesmo, asegurou que o traballo desenvolvido ata agora permite afrontar unha terceira axenda dixital, a Estratexia Galicia Dixital 2030, con dous obxectivos principais: a consolidación das especialización tecnolóxica de Galicia e o desenvolvemento das tecnoloxías de alto impacto, como a IA, a ciberseguridade ou o blockhain, adaptadas ao noso territorio e poboación e ao servizo da calidade de vida das persoas e a xeración de riqueza.

“Trátase, en definitiva, de adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades de Galicia, ao servizo da extensión do internet das cousas, ás solucións baseadas en intelixencia artificial e na configuración dun territorio intelixente”, concluíu.

Data de actualización: 20/09/2024