A conselleira de Política Social e Igualdade e o secretario xeral da Lingua participaron nesta gala que se celebrou na véspera do Día Mundial do Alzhéimer

Agadea Alzhéimer celebra o seu 30 aniversario nunha gala na que se conmemorou a súa traxectoria

Fabiola García destacou a traxectoria de Agadea como un “aliado fundamental” da Administración galega nestas tres últimas décadas

Na gala fíxose un recoñecemento ao neurólogo e fundador de Agadea, Alfredo Robles, gran referencia nesta doenza

A escritora e profesora pontevedresa Irene Alonso Gasalla gañou o Premio de literatura infantil ’Simbad para o recordo e o Alzhéimer’ co conto O nobelo de Nenuca

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou hoxe na gala polo 30 aniversario de Agadea na que tamén se conmemorou o Día mundial do Alzhéimer que ten lugar o 21 de setembro. O evento contou tamén coa participación do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo.

Fabiola García destacou a traxectoria de Agadea ao longo destas tres décadas “como un aliado fundamental na atención ás persoas con Alzhéimer de Galicia” e destacou a colaboración permanente da Xunta a través do financiamento dos seus programas.

A titular da Xunta tamén felicitou ao neurólogo homenaxeado, Alfredo Robles, gran referencia nesta doenza e un dos fundadores de Agadea; así como aos voluntarios distinguidos e aos tres colexios santiagueses polo seu compromiso: Cluny, Monte dos Postes e Divino Maestro.

Premio Simbad

Un dos momentos máis destacados da noite foi o anuncio do gañador do Premio de literatura infantil Simbad, que busca achegar aos cativos mediante os contos unha realidade tan próxima como o Alzhéimer, que afecta a máis de 70.000 galegos. A premiada, Irene Alonso Gasalla, fíxose con este galardón co conto O novelo de Nenuca.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, felicitou aos organizadores polo éxito de participación “deste certame xa consolidado entre os premios literarios que promoven a lingua galega”, ademais de destacar “a capacidade de conexión interxeracional da iniciativa”.

Ademais do representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no acto de entrega, celebrado no Teatro Principal compostelán, participaron tamén Isabel Gey, presidenta de Agadea, e os escritores Francisco Castro e Ánxela Gracián, padriño e secretaria do Premio, respectivamente.

A autora premiada

Irene Alonso Gasalla (Pontevedra, 1980) é filóloga inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de inglés de ensino medio. É autora de artigos de opinión en revistas especializadas en educación e prensa e autora de varios libros de literatura infantil como o conto As cicatrices do caranguexo (Xerais, 2021), A caca Cuca (Galaxia, 2021), A caca Cuca viaxa a UK (Galaxia, 2023) e Refugallo o espantallo (2024).

Sensibilizar desde a literatura

O Premio de Literatura Infantil Simbad para o Recordo e o Alzhéimer parte da inspiración dunha obra pioneira neste campo en Galicia, Chamádeme Simbad (2009), de Francisco Castro, e busca sensibilizar sobre a enfermidade do alzhéimer e as doenzas similares, así como promover a literatura infantil e xuvenil en galego. O premio está dotado con 3000 euros e coa publicación da obra. Nas dúas edicións anteriores, fixéronse co galardón Raquel Castro e Ignacio Vidal.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024