A Xunta publica no DOG a nova convocatoria de axudas de 28 millóns para programas con fins sociais

A dotación económica ascenderá ata os preto de 33 millóns de euros unha vez realizadas as xeracións de crédito deste ano, o que supón un aumento do 20%

As entidades sociais contarán cun prazo dun mes a partir de mañá para solicitar estas subvencións financiadas con cargo ao 0,7% do IRPF

Destinarase a programas de protección da infancia, atención das persoas maiores e con discapacidade, a inclusión social, a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a nova convocatoria de subvencións destinadas á realización de programas de carácter social, que conta cun orzamento de 27,8 millóns de euros con cargo ao 0,7% correspondente ao cadro de fins sociais do Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).

O Consello da Xunta daba luz verde a esta nova convocatoria o pasado 2 de setembro, e cuxo orzamento ascenderá ata os 33 millóns unha vez realizadas as xeracións de crédito deste ano, o que supón un aumento do 20% –5,5 millóns de euros– con respecto ao ano 2023.

Poderanse beneficiar destas achegas as entidades que traballen no ámbito da Consellería de Política Social e Igualdade. É dicir, que desenvolvan accións destinadas á protección da infancia, a atención das persoas maiores e con discapacidade, a inclusión social, a promoción da igualdade entre homes e mulleres, ou a prevención da violencia de xénero e o apoio ás vítimas e aos seus fillos.

Estas axudas permiten, ademais, financiar obras ou mercar vehículos e outro tipo de equipamento. Ata agora, só podían utilizar as achegas para estes conceptos as entidades do ámbito da atención ás persoas maiores e con discapacidade, pero, como novidade, agora tamén poderán facelo as que se dedican á infancia, a familia e a inclusión social.

En 2023, financiáronse grazas a estas axudas arredor de 700 programas e accións de carácter social da man de case 150 entidades. Como na anterior convocatoria, o Goberno galego anticipará aos beneficiarios o 100% da subvención cando lles sexa notificada a concesión, permitindo que a xustificación das achegas se realice posteriormente, unha vez completadas as actividades financiadas con esta partida.

Data de actualización: 20/09/2024