A Xunta formaliza o contrato para a redacción do proxecto da nova área de Cirurxía Maxilofacial do Hospital Meixoeiro

O Executivo galego inviste máis de 89.500 euros na redacción do proxecto desta nova unidade que optimizará as instalacións do hospital vigués

Atenderá, de xeito inicial, preto de 2.000 pacientes ao ano, pertencentes ás áreas sanitarias de Vigo e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Neste mes de setembro disporase un espazo provisional específico cun sofá de atención ao paciente e os equipamentos necesarios que permitan a realización deste servizo mentres se levan a cabo as obras da nova área de Cirurxía Maxilofacial

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

A Xunta vén de formalizar o contrato para a redacción  do proxecto básico e de execución e dirección de obra da nova área de Cirurxía Maxilofacial no Hospital Meixoeiro de Vigo.

A nova unidade estará integrada por un equipo de dous especialistas en cirurxía maxilofacial, unha enfermeira, unha técnica auxiliar de enfermaría e persoal administrativo. Así, as novas instalacións permitirán a realización de cirurxías mediante anestesia local e tamén con sedación.

Está previsto que, de xeito inicial, a unidade atenda cada ano preto de 2.000 persoas, pertencentes ás áreas sanitarias de Vigo e de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

A nova unidade de maxilofacial estará dotada con equipamento de última xeración. Para isto o Servizo Galego de Saúde xa adquiriu un ortopantomógrafo dixital que permite realizar radiografías panorámicas da boca, cunha imaxe de ambos os dous lados do maxilar, da mandíbula e dos dentes, para identificar os problemas orais dos pacientes en 3D. Ademais, as imaxes poden ser visualizadas desde a plataforma de historia clínica electrónica IANUS de forma inmediata.

Este equipo suporá importantes vantaxes, tanto para os pacientes como para os profesionais do Hospital Meixoeiro, dado que emite menor radiación, conta cunha  resolución de imaxe de maior calidade que a radiografía analóxica e garante a  trazabilidade da información do paciente.

Situación provisional

Mentres se levan a cabo as obras da nova área de cirurxía maxilofacial, disporase dun espazo provisional específico no Hospital Meixoeiro coa dotación dun sofá de atención ao paciente e dos equipamentos necesarios para comezar paulatinamente a realización deste servizo. A previsión é que este espazo provisional comece a funcionar antes de que finalice este mes de setembro.

Data de actualización: 20/09/2024