A Xunta difundirá os beneficios do deseño cunha xornada sobre casos prácticos

A Cidade da Cultura acollerá o 26 de setembro a xornada na que cinco empresas darán a coñecer as súas experiencias na incorporación do deseño como ferramenta de innovación, competitividade e sustentabilidade

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2024

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, celebra o vindeiro 26 de setembro a xornada Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego. O obxectivo é difundir casos prácticos que poidan crear referentes para os estudantes das escolas de deseño, servir de inspiración a entidades e empresas galegas de todos os sectores e facilitar novas vías de colaboración entre estas e profesionais do deseño de todas as áreas de especialización, en especial das de produtos, servizos, experiencias e marcas-identidade corporativa.

O evento, que se celebrará na Cidade da Cultura, permitirá coñecer de primeira man casos de uso nos que se revela o potencial do deseño para favorecer a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sustentabilidade e a accesibilidade, entre outros factores.

As cinco empresas participantes expoñerán a necesidade que orixinou os seus proxectos, as colaboracións con profesionais do deseño para desenvolvelos, as dificultades atopadas e como se abordaron e os beneficios obtidos da aplicación dos seus resultados. Intervirán Orballo, Fina Rei e Porto Muíños –do sector da alimentación–, Bela Fisterra –hoteleiro– e Revertia ­–medioambiental–.

A cita, organizada no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 - DIFERENZA, está aberta a profesionais do deseño das diferentes áreas de especialización, estudantes, empresas galegas de todos os sectores de actividade e calquera entidade interesada en potenciar o deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade nas súas organizacións. Para participar é preciso formalizar a inscrición.

Exposición na Fundación DIDAC

Tamén no marco do programa DIFERENZA, continúa aberta ao público ata o 31 de outubro na Fundación DIDAC (Santiago de Compostela) a exposición Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico.  

Esta mostra –froito da colaboración entre a Axencia Galega de Innovación e a Fundación DIDAC– é unha escolma do material da exposición coa que Galicia representou a España como país invitado na Porto Design Biennale no 2023, co comisariado de David Barro. Nela trázase un percorrido por diversos referentes actuais e históricos do deseño galego a través de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2024