A Xunta destaca as políticas coas que Galicia se erixiu como ‘Rexión emprendedora europea’ no 9º Workshop Internacional de Investigación en Emprendemento

A Coruña, 20 de setembro de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe na Coruña na inauguración oficial do 9º Workshop internacional de investigación en emprendemento (GEM-Acede), onde puxo de relevo as políticas que fixeron merecedora a Galicia do recoñecemento como Rexión Emprendedora 2025. Entre elas, a Rede de polos que conta con 14 centros activos ou o proxecto piloto de coliving para dinamizar o rural, así como o programa Ultreia Galicia de impulso ás sinerxías e solucións conxuntas no eido do emprendemento, que chegará -precisamente- á Coruña o próximo 24 de setembro. 

O encontro na Coruña -que arrancou onte e remata mañá- reúne os principais docentes, investigadores e xestores en materia de emprendemento de España, pertencentes á sección de emprendemento da Asociación científica de economía e dirección da empresa (Acede) e ao Observatorio de emprendemento de España, principal referencia estatal como fonte de datos de emprendemento. A cita busca explorar a dobre vertente do fenómeno emprendedor, tendo en conta a interrelación entre os aspectos sociais e económicos e como afectan ao desenvolvemento do emprendemento e da competitividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024