A Xunta reforza o Rexistro galego de tumores con intelixencia artificial para afondar no coñecemento da incidencia do cancro en Galicia

Gómez Caamaño salienta o potencial das novas tecnoloxías para optimizar o diagnóstico, o seguimento e os tratamentos de cada un dos diferentes procesos oncolóxicos, así como a súa vixilancia

A inclusión de ferramentas de procesamento de linguaxe natural suporá unha mellora na relación de variables vinculadas á mortalidade e á supervivencia de cada tipo de cancro

O Rexistro Galego de Tumores permite identificar e rexistrar, dun xeito detallado, os tumores diagnosticados na poboación residente en Galicia desde o ano 2010

Ourense, 20 de setembro de 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presidiu esta mañá no Complexo Hospitalario Universitario Ourense unha xuntanza con diversos especialistas do Rexistro Galego de Tumores (REGAT) para abordar a incorporación de técnicas de Intelixencia Artificial co fin de obter uns resultados máis exhaustivos da incidencia  do cancro na nosa comunidade.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, o titular da carteira sanitaria da Xunta incidiu na necesidade de “aproveitar todo o potencial que nos achegan as novas tecnoloxías”, pois a súa incorporación ao REGAT, abundou, “permitirá avanzar na vixilancia dos tumores, medir con maior precisión o seu impacto e adecuar a xestión sanitaria aos casos reais”. 

Na mesma liña, salientou que o procesamento de linguaxe natural reforzará o Rexistro Galego de Tumores, destacando as melloras que suporá na relación de variables vinculadas á incidencia, mortalidade e á supervivencia de cada tipo de cancro.

Na reunión desta maña, participaron entre outros especialistas, a xefa do Servizo de Medicina Preventiva e Saúde Pública do CHUO, María Sande Meijide, o xefe de Servizo de Oncoloxía, Jesús García Mata; e a directora xeral do Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (CEGACE), Marta Piñeiro Sotelo. 

O REGAT, unha ferramenta fundamental

O Rexistro Galego de Tumores (REGAT) é o instrumento co que conta a Xunta de Galicia para identificar e rexistrar, dun xeito detallado e continuado, os tumores diagnosticados na poboación residente en Galicia desde o ano 2010.

“Contar con esta ferramenta é fundamental para coñecer o comportamento do cancro na nosa comunidade”, destacou o conselleiro, ao tempo que lembrou que se trata dun ámbito de absoluta prioridade para a Consellería de Sanidade.

“Para tomar as mellores decisións en prevención e tratamento necesitamos contar con datos reais e precisos sobre a incidencia desta enfermidade”, incidiu.

Entre as grandes vantaxes que ofrece o REGAT atópase o feito de que non traballa con estimacións, senón con casos reais, sendo un dos poucos rexistros deste tipo que hai en toda España. 

En canto ao seu funcionamento, o Rexistro Galego de Tumores, que coordina a Dirección Xeral de Saúde Pública, combina unha parte automatizada con outra de tipo manual. A súa parte automatizada xa emprega técnicas de intelixencia artificial para recompilar os datos dos ingresos hospitalarios, dos laboratorios de anatomía patolóxica e dos servizos de farmacia, entre outros.  Con estes parámetros, obtense a relación de tumores diagnosticados e as súas características principais.

Na parte manual, un equipo de especialistas en medicina preventiva e documentalistas analizan e avalían estes datos, para obter así o rexistro completo e validado dos tumores da nosa comunidade

O Rexistro Galego de Tumores posibilita a elaboración anual de informes co número de tumores detectados, a súa incidencia por cada 100.000 habitantes, a mortalidade de cada tipo de cancro e os anos de supervivencia. Ademais, estes datos pódense consultar de maneira xeral ou detallada por áreas sanitarias, provincias, comarcas e concellos. Recentemente veñen de publicarse estes informes e os indicadores no Observatorio de Saúde Pública de Galicia.

Xa que logo, o REGAT achega unha información moi valiosa para a vixilancia dos distintos tumores e tamén para a toma de decisións no diagnóstico, seguimento e tratamento de cada un dos diferentes procesos oncolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024