A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo presentou os datos de afluencia no Edificio Cambón

Máis de 451.000 persoas visitaron o Parque Nacional das Illas Atlánticas na tempada de verán e a Xunta prevé acadar a final de ano un balance similar ao de 2023

Ángeles Vázquez explica que Cíes foi a illa máis visitada, co 65% dos visitantes que recibiu o parque nacional de maio a setembro, e Ons rexistrou o maior incremento

No que vai de ano, preto de 480.000 persoas achegáronse ata os catro arquipélagos

Salienta tamén que, desde xaneiro, o Centro de visitantes en Vigo atendeu a 4.000 alumnos de centros educativos da contorna e persoas participantes nalgún dos obradoiros e actividades organizados para dar a coñecer este espazo natural

Vigo, 21 de setembro de 2024

Máis de 451.000 persoas visitaron o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante a pasada tempada de verán —período que, segundo o Plan reitor de uso e xestión deste espazo natural, se estende desde o 15 de maio ata o 15 de setembro—, un ritmo de visitas que fai prever que o ano remate con cifras moi similares ás rexistradas en 2023.

O balance provisional sobre a afluencia aos catro arquipélagos durante o período estival foi presentado esta mañá no Edificio Cambón de Vigo pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na cidade, Ana Ortiz, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o director-conservador do Parque Nacional, José Antonio Fernández.

Tras destacar que, un verán máis, as cifras de visitantes volveron crecer respecto ao mesmo período do ano anterior, a conselleira detallou que Cíes concentrou o 65% das visitas, con 293.876 persoas (o ano pasado foran 291.764), mentres que Ons rexistrou o maior incremento en termos absolutos, cun total de 132.700 visitantes fronte aos 129.545 de 2023. Estas cifras complétanse coas 16.271 visitas contabilizadas no mesmo período en Sálvora e as 8.258 de Cortegada, illas nas que tamén creceu a afluencia. 

A este balance estacional cómpre sumar o feito de que, desde xaneiro, xa son case 480.000 as persoas que pasaron por algún dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional, polo que, de manterse este ritmo ata final de ano, a previsión é que se volva acadar por segundo ano consecutivo o medio millón de visitantes.

Así mesmo, Ángeles Vázquez tamén aproveitou a ocasión para insistir na importancia de seguir desestacionalizando as viaxes ás Illas Atlánticas, unha clara aposta da Xunta que se traduce en actividades educativas e de voluntariado ambiental que se desenvolven durante o ano nos catro arquipélagos ou nas propias visitas guiadas gratuítas que pon o Parque Nacional á disposición da cidadanía interesada en coñecer este espazo protexido.

Neste sentido, salientou as case 5.600 persoas que no que vai de ano tiveron ocasión de achegarse ata as illas da man de guías profesionais e especializados, a maior cifra de participantes nestas actividades desde o ano 2019 e un 13% máis que os do ano pasado.

Na mesma liña, a conselleira agradeceu a implicación dos cidadáns nos diferentes programas de voluntariado organizados tanto pola Xunta como por outras entidades e empresas e que teñen como escenario Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. En concreto, cifrou en preto de 550 as persoas que participaron nalgunha destas accións ao longo de 2024, o que se traduciu en máis de 2.300 xornadas de traballo que contribuíron ao coidado, protección e posta en valor dun espazo natural único en Galicia.

Por último, Ángeles Vázquez quixo facer unha mención especial ao traballo desenvolvido tamén fóra das illas, en alusión ao labor de divulgación que se fai ao longo de todo o ano no Centro de visitantes do Parque Nacional localizado en Vigo: o chamado Edificio Cambón. Tras subliñar que nestas instalacións se organizan numerosas charlas, actividades educativas, cursos, presentacións e accións formativas, cifrou en máis de 4.000 as persoas que visitaron o Cambón este ano, entre alumnado de centros escolares da zona e particulares interesados nalgún dos eventos programados.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024