A Xunta aposta por un modelo fiscal propio con rebaixas de impostos para os que máis o necesitan e uns servizos públicos de calidade blindados

A directora xeral da Axencia Tributaria de Galicia, Sonia Lafont, compareceu hoxe na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

A directora xeral da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA), Sonia Lafont, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá apostando por un modelo fiscal propio con rebaixas de impostos para os que máis o necesitan e uns servizos públicos de calidade blindados.

Durante a súa comparecencia na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos, Sonia Lafont explicou que, no período 20-23, aprobáronse rebaixas fiscais que ascenden a 1.200 millóns de euros, cuxos principais beneficiarios, insistiu, foron as rendas medias e baixas.

Así, na última década, o Goberno galego aprobou catro rebaixas do tramo autonómico no imposto sobre a renda das persoas físicas, que benefician a todos os galegos pero, significativamente, ás rendas máis baixas, deducións que benefician as familias desde dous fillos e reducións para os familiares directos no imposto de sucesións que fan que o 99,9% dos galegos non teñan que tributar ao recibir unha herdanza.

Así mesmo, mantivéronse os tipos reducidos e superreducidos na adquisición de vivenda e na súa financiación, que benefician especialmente ás familias numerosas, ás persoas con discapacidade, aos menores de 36 anos e ás vítimas de violencia de xénero; suprimiuse a tributación da adquisición de vivenda e o seu financiamento nas zonas pouco poboadas, así como a tributación das operacións de explotacións agrogandeiras; e minorouse tamén a tributación das adquisicións de vehículos de segunda man, ademais de suprimirse a tributación dos vehículos cero emisións e de mobilidade persoal.

As rebaixas selectivas están ao servizo fundamentalmente da política social, pero tamén ao servizo da dinamización da economía e da xeración de riqueza e emprego.

A directora xeral da ATRIGA destacou a bonificación do Imposto de Patrimonio para reter na comunidade os patrimonios superiores a un millón de euros e evitar así a perda da recadación derivada da súa tributación en IRPF, IP, IVE e Impostos Especiais.

Finalmente, explicou que coa medida establecida na lei de medidas conseguiuse que os cartos que ía recadarse polo imposto sobre as grandes fortunas quedara na facenda galega para a financiación dos servizos públicos dos galegos.

Data de actualización: 20/09/2024