Medio Rural potencia o uso divulgativo de viveiros públicos forestais como o de Bóveda, no que se mellora a ruta de sendeirismo da súa aula forestal

A conselleira, María José Gómez, visitou hoxe as instalacións dos Trollos, nas que xa se realizaron actuacións como a restauración das masas arbóreas e traballos de mantemento no horto sementeiro de piñeiro do país, por un importe que superou os 86.000 euros

O fomento da vertente formativa e divulgativa destes centros cara a poboación en xeral forma parte dun plan para a súa posta en valor, que abrangue, ademais deste de Bóveda, os de Santa Cruz (Oleiros), a Falmega (Oroso), San Breixo (Guitiriz) e A Chaira (Pereiro de Aguiar)

A Consellería está investindo 1 millón de euros ata 2027 co fin de producir semente para os viveiros privados e planta con fins divulgativos para as administracións públicas e de contar con parcelas de alto valor xenético para conservar estes recursos

Bóveda (Lugo), 20 de setembro de 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, avanzou esta mañá que a Xunta vai potenciar o uso formativo e divulgativo dos viveiros forestais públicos, durante a súa visita a un destes centros xestionados pola Consellería, o dos Trollos, situado no concello lucense de Bóveda. Ademais de coñecer as instalacións, a conselleira supervisou as melloras que se están a realizar na ruta de sendeirismo da aula forestal, mediante a introdución de elementos artísticos orientados á potenciación da paisaxe.

Gómez estivo acompañada neste percorrido polos directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, así como polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias.

Na visita, a titular de Medio Rural puxo en valor as actuacións xa realizadas neste viveiro, como foron a restauración das masas arbóreas e os traballos de mantemento no horto sementeiro de piñeiro do país, que superaron os 86.000 euros de orzamento. Ademais, detallou que nestas instalacións e noutras semellantes da Consellería vaise reforzar a súa vertente divulgativa e formativa cara a poboación en xeral, cun plan en varias fases que comezará por este viveiro dos Trollos e polo de Santa Cruz, en Oleiros.

Trátase, explicou Gómez, de que os visitantes poidan coñecer as especies máis significativas que albergan estes espazos, que saiban como se realiza a xestión forestal sustentable, cales son os ecosistemas cos que contan e que materiais de reprodución forestal se utilizan.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024