Galicia participa no XVII Cumio COTEC Europa sobre soberanía tecnolóxica nas Palmas presidido polo Rei Felipe VI

O foro trilateral España-Portugal-Italia reúne na illa de Gran Canaria a empresas, académicos e autoridades dos tres países para debater sobre a importancia da tecnoloxía e o seu impacto na economía, na sociedade e nas políticas de innovación

Las Palmas de Gran Canaria, 20 de setembro de 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe no XVII Cumio COTEC Europa sobre soberanía tecnolóxica, que reuniu na illa de Gran Canaria a líderes empresariais, académicos e autoridades de España, Portugal e Italia. O encontro foi clausurado polo Rei Felipe VI e contou coa asistencia do presidente de Italia, Sergio Mattarella.

O Cumio trilateral constituíu un foro de debate sobre o papel da tecnoloxía na economía, na sociedade e no marco das políticas públicas de innovación dos tres países do Sur de Europa. A intelixencia artificial e as factorías de intelixencia artificial, a cuántica e as tecnoloxías duais foron algunhas das tecnoloxías recorrentes durante as diferentes sesións do foro, xunto con aspectos transversais como a importancia do talento, da atracción de investimento, a mellora da competitividade das empresas e a colaboración público-privada.

A Xunta de Galicia é membro do padroado da Fundación COTEC para a innovación, unha organización privada sen fin de lucro que ten como misión promover a innovación como motor de desenvolvemento económico e social.

Data de actualización: 20/09/2024