A Xunta aposta no 24º ‘Congreso Internacional de Formación para o traballo norte de Portugal/Galicia’ polas microcredenciais a medida do mercado laboral

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, destaca hoxe en Porto que o Goberno galego está avogando por flexibilizar a formación para o emprego a través de microformacións que atendan ás necesidades das empresas

Todo no marco dunha estratexia a prol de casar oferta e demanda laboral, captando tamén o talento dos galegos retornados ou das persoas inmigrantes mediante programas específicos

Pola súa banda, a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, pon en valor o modelo galego de FP como exemplo de calidade, innovación e especialización

Porto (Portugal), 20 de setembro de 2024

A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participan hoxe no 24º congreso internacional Norte de Portugal/Galicia sobre esta materia. No caso da representante da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, durante a súa participación nunha mesa de debate sobre o futuro da formación para o traballo, destaca a aposta da Xunta polas microformacións orientadas ás necesidades das empresas -na liña do que impulsa a Unión Europea- para capacitar ás persoas traballadoras ao tempo que se contribúe a cubrir as vacantes existentes no mercado laboral.

Nese senso, cómpre sinalar as convocatorias autonómicas abertas, como a pioneira por 4 millóns de euros destinada ao financiamento de accións formativas a demanda do tecido produtivo galego e dirixidas a persoas traballadoras ocupadas. Grazas a ela, unha empresa poderá seleccionar e fragmentar de xeito cirúrxico a demanda formativa para os seus traballadores, podendo escoller desde a amplitude dun grao C -deica 1.000 horas- ata unha microformación concreta de 40 horas dun grao A.

Tamén se poden solicitar aínda os 8 millóns para unidades formativas en empresas, coas que se prevé que o tecido produtivo poida cualificar máis de 3.000 persoas desempregadas. Neste caso, axúdase ás empresas a impartir a súa propia cualificación sempre que se comprometan a contratar a polo menos un 40% do alumnado que participen na acción formativa. 

Sobre a mesa, tamén están hoxe as vantaxes do Programa Retorna Cualifica Emprego para que os galegos no exterior poidan establecerse de volta na nosa terra, grazas á formación para o emprego que se lles proporciona para encaixar nos traballos de calidade ofertados en orixe da man das empresas.

Así mesmo, cabe salientar os convenios de arraigamento para a formación, que avogan por unha inmigración ordenada e regular -tamén- en estreita colaboración co tecido produtivo e -unha vez máis- achegando a estas persoas microformacións específicas para garantir a súa idoneidade de cara ás ofertas laborais existentes.

Modelo de éxito da FP galega

Pola súa banda, a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo en valor o modelo galego de Formación Profesional como exemplo de calidade, innovación e especialización que se reflicte na enorme confianza despositada nestas ensinanzas tanto polo alumnado (con récords de matrícula) como polas empresas. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que isto é froito dun traballo “firme e constante” por parte do Goberno galego na última década “en diálogo constante“ cos centros de FP e cos sectores produtivos, que permitiu deseñar unha oferta formativa ampla, variada e adaptada ás necesidades socioeconómicas de cada sector e de cada ámbito xeográfico. 

Co fin seguir afianzando esta senda de calidade, Eugenia Pérez avanzou que a Xunta porá en marcha desde este curso o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, dotado con 24M€ ata 2028, co obxectivo de orientar profesionalmente á mocidade galega a través dun abano de máis de 60 accións específicas neste eido. A través deste plan búscase acadar o abandono escolar cero e que o 100% dos rapaces sigan formándose ata, polo menos, cumprir a maioría de idade, así como atraer de novo ao sistema educativo aquelas persoas con baixa cualificación co fin de enriquecer a súa formación e xerar mellores oportunidades persoais e profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024