A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participa no VIII Congreso EsMontañas na Pobra de Trives

Ángeles Vázquez aposta por un territorio rural intelixente e sostible que aproveite as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e as enerxías renovables

No marco dun obradoiro con medio cento de alumnos do IES Xermán Ancochea Quevedo, a responsable autonómica chama á rapazada asistente a formarse neste eido como un instrumento clave fronte ao despoboamento das áreas rurais e garantir o seu progreso

A Pobra de Trives (Ourense), 20 de setembro de 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, apostou hoxe por un territorio rural intelixente e sostible que aproveite as múltiples posibilidades desde o punto de vista da conectividade e do desenvolvemento económico e social que ofrecen as novas tecnoloxías e as enerxías renovables nestas zonas.

No marco do VIII Congreso EsMontañas que se celebra en San Xoán de Río e A Pobra de Trives os días 19, 20 e 21 de setembro baixo o título Claves para manter vivos os pobos de montaña, a responsable autonómica fixo fincapé na importancia que teñen estas ferramentas para loitar ou frear a despoboación no medio rural.

Neste sentido, cómpre lembrar que o obxectivo do congreso é poñer de manifesto o compromiso coa preservación ambiental e a fixación de poboación dos concellos de Ourense escollidos este ano para compartir o título de Capital española das montañas e que son, ademais dos xa mencionados, Chandrexa de Queixa e Manzaneda.

De feito, Ángeles Vázquez tivo ocasión de participar no Obradoiro en territorio rural e intelixente que se impartiu esta mañá a medio cento de alumnos do Instituto de Educación Secundaria (IES) Xermán Ancochea Quevedo, onde cursan ciclos formativos sobre instalacións eléctricas e automáticas.

“Sodes o futuro da comarca”, declarou a conselleira, que animou á rapazada asistente a completar os seus estudos e seguir apostando por formarse en materias que no futuro poderán axudar ao progreso dos seus concellos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024