A Xunta debulla no ‘Pont-Up Store 2024’ as axudas a disposición de persoas emprendedoras e pemes

Na segunda xornada do evento que se celebra en Pontevedra, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, a directora xeral de Promoción da Igualdade e unha representación do Igape explicaron os apoios existentes e resolveron dúbidas

Pontevedra, 21 de setembro de 2024

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e unha representación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) participaron hoxe na segunda e última xornada do 11º Espazo de Emprendemento Pont-Up Store 2024, organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store e apoiado pola Xunta. Concretamente, nunha mesa redonda para explicar os apoios do Goberno galego a persoas emprendedoras e pequenas e medianas empresas.

Así, neste encontro prestouse información de interese na liña da proporcionada no posto co que conta a Xunta neste evento. Sobre as achegas do ecosistema emprendedor dispoñibles, desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración fíxose fincapé na cota cero para novas altas de persoas traballadoras autónomas durante os primeiros doce meses, con prazo aberto deica o 30 de setembro e que levan acumuladas xa máis de 6.000 solicitudes.

Tamén noutras convocatorias como o Bono Remuda que busca sufragar parte dos gastos de transmisión de negocios rendibles que pecharon ou están a piques de facelo. No marco do Plan de remuda habilitado na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, estas achegas poden solicitarse ata o 30 de outubro.

Igualdade e Igape

Desde a Consellería de Política Social e Igualdade, a directora xeral de Promoción da Igualdade destacou as axudas ao emprendemento feminino do Programa Emega, que ten activo o prazo de solicitude ata o próximo 27 de setembro e que este ano conta co maior investimento da historia, máis de 5 millóns de euros cofinanciados pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Así, o Programa Emega consta de catro liñas de achegas de entre 3.000 e 42.000 euros e que teñen como obxectivo a posta en marcha de novas iniciativas empresariais (Liña Emprende), favorecer a reactivación e consolidación das empresas (Liña Activa) e o impulso de empresas innovadoras e tecnolóxicas (Liña ITEF). Ademais, tamén conta cunha Liña Concilia, unha axuda complementaria ás outras tres, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral tanto das emprendedoras como das traballadoras por conta allea.

Mentres, pola banda do Igape puxéronse en valor os diferentes apoios e ferramentas que teñen empresas e emprendedores á súa disposición en ámbitos como o emprendemento dixital ou o emprendemento innovador, os apoios á Internacionalización ou a aposta continua pola dixitalización e pola transformación dixital de autónomos e pemes. Así mesmo, destacouse a posta en marcha da Oficina Económica de Galicia, porta de entrada para ás empresas galegas para calquera tipo de consulta ou apoio que precisen por parte da Xunta de Galicia.

Cómpre engadir que no posto da Xunta no Pont-Up Store resólvense -entre outras-  dúbidas sobre a Rede de polos de emprendemento que conta con 14 centros activos, ademais da dinamización, xogos e presenza de persoas emprendedoras beneficiarias da Rede, para expor e presentar os seus produtos ou servizos. Canto ás actividades do Goberno galego, houbo un xogo do emprendemento e unha xornada de networking, a maiores da referida mesa redonda cos representantes autonómicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024