A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade

A Xunta e o concello de Monterroso avanzan no proxecto para mellorar o saneamento no municipio

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2024

A Xunta de Galicia e o Concello de Monterroso seguen avanzando no proxecto para mellorar o servizo de saneamento que se presta á veciñanza.

Así, nunha reunión que mantiveron recentemente, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, comunicoulle ao alcalde da localidade, Eloy Pérez, que Augas de Galicia está a ultimar a última revisión do proxecto para a mellora do saneamento e da depuración do municipio, que foi adxudicado por máis de 120.000 euros e que inclúe a construción dunha nova EDAR de maior tamaño.

A conselleira e o rexedor coincidiron no obxectivo de dotar de maior capacidade á rede municipal para dar resposta ao incremento de poboación da localidade e á incorporación do saneamento do centro penitenciario. 

Segundo subliñou Ángeles Vázquez, a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2024