Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14.00 h. de hoxe

Extinguido o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, ao igual que o outro incendio deste municipio, rexistrado na parroquia de Barxa

Quedou tamén extinguido o lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afectou 47,25 hectáreas de monte raso

Extinguido o incendio rexistrado onte concello da Mezquita, parroquia homónima, que afectou unha superficie de 28,58 hectáreas

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 14.00 horas de hoxe venres.

Extinguido A Gudiña-Pentes

Ás 12.32 horas quedou extinguido o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que se iniciaba o luns ás 13.18 h. e que finalmente afectou 329,49 hectáreas, das cales 320,42 correspóndense con monte raso e as restantes con arborado. Para a extinción deste lume mobilizáronse 29 axentes, 54 brigadas, 29 motobombas, 6 pas, 4 técnicos, 11 helicópteros e 10 avións. Tamén participaron medios portugueses, por estar o lume ao lado da fronteira.

Extinguido A Gudiña-Barxa

Extinguido dende as 11.46 h. o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, que se iniciou ás 00.17 do martes e que afectou unha superficie de 108,15 hectáreas, das cales 96,4 correspóndense con monte raso e as 11,75 restantes con arborado. Neste lume mobilizáronse 18 axentes, 30 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións. Ademais, nos labores de extinción colaboraron tamén medios terrestres procedentes de Portugal, ao estar o incendio preto da fronteira.

Extinguido Chandrexa de Queixa-Requeixo

Dende as 11.35 h. está extinguido o lume do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que se iniciou o martes ás 20.07 h. e que finalmente afectou unha superficie de 47,25 hectáreas de monte raso. Para a súa extinción mobilizáronse 12 axentes, 31 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 1 técnico, 6 helicópteros e 2 avións.

Extinguido A Mezquita-A Mezquita

O incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia homónima, que se rexistrou onte xoves ás 15.34 h, quedou extinguido ás 11.05 h. de hoxe. Este lume afectou unha superficie de 28,58 hectáreas, a maior parte delas de monte raso. Na súa extinción traballaron 6 axentes, 12 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 técnicos, 7 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 20/09/2024