A Xunta colabora con preto de 134.000 euros na mellora de infraestruturas municipais nos concellos de Cabanas, Cerdido, Ares e Valdoviño

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución destas axudas da Dirección Xeral de Administración Local para infraestruturas públicas durante unha visita á Casa da Cultura de Valdoviño

Neste 2024, a Xunta mantivo o orzamento de 3,5 M€ desta convocatoria a través da que concedeu 107 axudas a municipios galegos

Valdoviño (A Coruña), 20 de setembro de 2024

A Xunta inviste este 2024 133.686 euros na mellora de infraestruturas públicas nos municipios de Cabanas, Cerdido, Ares e Valdoviño. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta da resolución destas axudas da Dirección Xeral de Administración Local durante unha visita á Casa da Cultura de Valdoviño na que estivo acompañada do alcalde da localidade, Alberto González.

Así, o Concello de Valdoviño percibiu unha achega de 27.689 euros para acometer obras de mellora da accesibilidade e reforma do auditorio da Casa da Cultura. Concretamente os traballos céntranse na reparación do escenario e a instalación dun elevador que permita o acceso ao mesmo e elimine as barreiras arquitectónicas que ata o momento impedían o libre acceso a esa zona do recinto.

“É necesario avanzar na procura da accesibilidade universal e actuacións coma esta son importantes de cara a que todos os veciños de Valdoviño poidan facer uso destas instalacións municipais que se empregan a miúdo para a representación de obras de teatro, para a celebración de todo tipo de eventos e incluso de actividades deportivas como o ioga”, indicou a delegada territorial.

Martina Aneiros lembrou que este apoio materializouse a través da orde de Infraestruturas de uso público á que poden optar as entidades locais co obxectivo de crear e mellorar as súas instalacións municipais empregadas na prestación de servizos eficientes e de calidade. Neste 2024, a Xunta mantivo o orzamento de 3,5 M€ desta orde de axudas da que se beneficiaron 107 municipios galegos.

Na área territorial de Ferrol concedéronse tres axudas. Ademais do Concello de Valdoviño resultaron beneficiarios os de Cabanas, que percibiu unha achega de 27.486 euros para a mellora e ampliación de parque infantís do municipio; o de Cerdido que tamén investirá os 38.510 euros concedidos na mellora do parque infantil do Castro, e o de Ares que acondicionará o parque Rosalía de Castro grazas a unha axuda de 40.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024