A Xunta inicia unha nova fase nas obras de remodelación do paseo do Barbaña en Ourense para habilitar un carril bici nun treito da senda entre Os Remedios e Expourense

Trátase de continuar os traballos na contorna da rúa Avilés de Taramancos, executando un tramo de 250 metros de carril bici, que se acoutará durante unhas semanas ao paso peonil, de modo que haxa espazo para a maquinaria

As obras da senda do Barbaña forma parte dunha actuación conxunta, que suporá un investimento autonómico de 5,4 M€, con outro traxecto que comunica a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas

A Xunta continúa avanzando na conformación dun itinerario que conecte Ourense de norte a sur a través de sendas garantindo unha mobilidade sostible

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2022

A Xunta está a iniciar unha nova fase na execución das obras de remodelación da senda do río Barbaña, para habilitar un carril bici nun treito do itinerario entre Os Remedios e Expourense.

A través desta nova intervención, no tamén coñecido como paseo do Barbaña, na cidade de Ourense, trátase de continuar os traballos na contorna da rúa Avilés de Taramancos, executando un tramo de 250 metros de carril bici, que se acoutará durante unhas semanas ao paso peonil, de modo que haxa espazo para a maquinaria.

A Xunta de Galicia segue avanzando nas actuacións que se están a desenvolver na nova senda entre Os Remedios e Expourense, tras abrir ao público, o pasado 17 de xullo, o tramo de case dous quilómetros na marxe dereita do río Barbaña de Ourense desde o Pazo dos Deportes Paco Paz á Ponte Codesal.         A posta en servizo permitiu, ademais, a conexión coa senda do río Barbañica conectando Barbadás e Ourense sen pasar por vías de circulación rodada, que tamén está rematada.

As obras da senda do Barbaña forman parte dunha actuación conxunta das consellerías de de Presidencia, Xustiza e Deportes e, de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, que suporá un investimento autonómico de 5,4 M€, con outro traxecto que comunica a estación intermodal coa Ponte Vella a través da avenida de Caldas. Trátase dun  eixo norte-sur de mobilidade peonil e ciclista duns catro quilómetros co obxectivo de conectar distintos puntos de interese da cidade de Ourense.

Esta actuación enmárcase na Estratexia de Mobilidade que a Xunta está a despregar nas grandes cidades, impulsada polos fondos Next Generation.

O Goberno galego continúa avanzando na conformación dun itinerario que conecte Ourense de norte a sur a través de sendas garantindo unha mobilidade sostible. Unha vez rematados estes 4 quilómetros, sumaranse á actual rede de sendas peonís e ciclistas da cidade conectando os seus principais puntos de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2024