As obras de mellora do firme na estrada AC-552 farán necesario o corte do tráfico na noite do domingo ao luns na intersección desta vía coa AC-432, en Vimianzo

Os traballos de rehabilitación do firme neste tramo da vía autonómica levaranse a cabo entre as 22.00 horas do día 22 e as 8.00 horas do día 23

Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo, onde acondicionarase o firme nun total de 7 estradas autonómicas, que discorren polos concellos da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes

Os traballos consisten na realización de fresados e reposicións con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal

A Xunta segue traballando para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e garantir a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2024

As obras de acondicionamento do firme na estrada autonómica AC-552 farán necesario o corte do tráfico entre as 22.00 horas deste vindeiro domingo, día 22, e ata as 8.00 do luns, día 23, na intersección desta vía coa estrada AC-432, no concello de Vimianzo.

Así, nestes días estase a actuar na mellora do firme na estrada AC-552, estando previsto continuar os traballos na noite desde domingo, co obxectivo de minimizar a afección no tráfico. Debido á intensidade de tráfico existente na intersección desta vía e a AC-432 (no punto quilométrico 66+900 da AC-552), as obras de rehabilitación do firme neste tramo levaranse a cabo na noite do 22 ao 23 de setembro, reducindo así a afección aos usuarios desta vía autonómica

Trátase de seguir avanzando nas obras que está a desenvolver a Xunta baixo un contrato máis amplo, nun total de 7 estradas autonómicas, nas que se inclúen a AC-552 e a AC-432 ao seu paso por este concello e outros 9 máis da provincia da Coruña, cun investimento de máis de 3,6 M€.

En concreto, baixo este contrato está a acondicionarse o firme en varios treitos das estradas AC-300, AC-303, AC-406, AC-432, AC-546, AC-550 e AC-552, que discorren polos municipios da Baña, Brión, Negreira, Vimianzo, Padrón, Ribeira, Rois, Santa Comba, Val do Dubra e Outes.

Os traballos que se están a levar a cabo consisten en fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.

As intervencións completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024