A Xunta e Asotrame sensibilizan ao alumnado co gallo do Día do doante de médula ósea

O conselleiro de Educación coñece as actividades que a asociación realiza cos centros educativos grazas ao convenio de colaboración

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe en Santiago de Compostela a importancia de realizar accións de sensibilización ao alumnado sobre os procesos de transplante de medula ósea e a formación do profesorado para a atención educativa na volta á aula.

No acto do Día do doante de médula ósea, celebrado no IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago, o conselleiro subliñou a relevancia do convenio asinado entre a Consellería de Educación e a Asociación Galega de Transplantes de Médula Ósea (ASOTRAME), na que se enmarca esta activdiade . “A colaboración con entidades como ASOTRAME é esencial para garantir que o alumnado afectado reciba a atención que precisa, tanto no ámbito educativo como emocional” -afirmou Román Rodríguez-. “Sensibilizar á comunidade escolar sobre esta realidade é fundamental para romper barreiras e apoiar aos rapaces e rapazas que atravesan situacións complicadas”.

Este convenio ten dous obxectivos principais. Por unha banda, busca concienciar ao alumnado sobre o transplante de medula ósea e a importancia da doazón, co fin de asegurar un correcto tratamento e coidado destes nenos e nenas. Por outra banda, pretende proporcionar formación ao profesorado para que dispoña de ferramentas e soporte que permitan tratar mellor as necesidades psico-sociais e educativas dos estudantes hospitalizados ou que precisan atención domiciliaria.

Reintegración do alumnado

Durante a xornada, presentouse a Guía de actividades para a volta á aula do alumnado hospitalizado, un recurso que facilitará a reintegración destes estudantes no ámbito escolar. Ademais, o conselleiro salientou que as charlas informativas que se organizarán nos centros educativos, grazas á colaboración con ASOTRAME, contribuirán a sensibilizar á mocidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024