A Delegación Territorial da Xunta en Ferrol pon a proba o seu plan de autoprotección nun simulacro de incendio

A delegada territorial, Martina Aneiros, participou no exercicio no que foron evacuados preto dun centenar de persoas, entre persoal do edificio administrativo e cidadáns

Informou de que o exercicio se completou con éxito e agradeceu a colaboración para o seu correcto desenvolvemento

Ferrol, 20 de setembro de 2024

A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, participou esta mañá nun simulacro de incendio no edificio administrativo da Xunta en Ferrol co que se puxo a proba o plan de autoprotección do mesmo.

Con este exercicio tratouse de simular unha emerxencia provocada por un incendio coa fin de avaliar a resposta coordinada dos diferentes corpos e servizos aplicando o plan de emerxencia correspondente. A alarma de incendios activouse ás 10,45 horas, momento no que preto dun centenar de persoas, entre traballadores da Delegación e cidadáns, foron evacuados do inmoble.

O foco do suposto incendio orixinouse nas escaleiras do sexto andar do edificio. Tralo sinal de alarma, os grupos de acción procederon á evacuación das persoas que se encontraban no interior. O exercicio contou ademais coa participación de axentes do Corpo de Bombeiros de Ferrol, Policía Local e da Dirección Provincial da Policía Autonómica. Durante o simulacro varios funcionarios actuaron como figurantes, coa fin de escenificar as diferentes casuísticas que se poden producir neste tipo de emerxencias, como a desorientación ou a indisposición das persoas implicadas.

A delegada territorial informou de que o exercicio se completou con éxito e agradeceu a colaboración mostrada tanto polo persoal da Xunta como polos cidadáns que se atopaban nese momento no edificio, aos que pediu desculpas polas posibles molestias que se lles puideran ocasionar.  “É fundamental realizar este tipo de simulacros para estar preparados e saber como actuar no caso de que aconteza unha emerxencia real, e así como para corrixir os erros que se poidan producir e ter capacidade para aprender deles”, dixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/09/2024