O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou na celebración da efeméride en Allariz

López Campos lembra a un Vicente Risco “alicerce da nosa cultura” no 140 aniversario do seu nacemento

Louba o “gran traballo que realiza a fundación que leva o nome do intelectual por manter vivo o seu legado, tan importante para Galicia, de cara ás xeracións futuras”

Destaca, ademais, o apoio do Goberno galego ás iniciativas encamiñadas a estudar e preservar a obra e pensamento das figuras históricas

Allariz (Ourense), 21 de setembro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe nos actos de celebración do 140 aniversario do nacemento de Vicente Risco, organizados en Allariz pola fundación dedicada ao intelectual. Unha efeméride na que o representante da Xunta gabou o labor desta entidade polo “gran traballo que realiza por manter vivo un legado tan importante para Galicia, de cara a ao seu coñecemento polas xeracións futuras, e polas súas iniciativas en prol da cultura en xeral”.

Neste senso, López Campos, apuntou que “lembrar a figura de Risco é lembrar os alicerces da nosa cultura, construída xunto con outros nomes sobranceiros da nosa historia, os que contribuíron en boa parte a forxar unha identidade que perdura ata os nosos días”. É por iso, recordou, que desde a Administración autonómica estase en continua colaboración coas accións encamiñadas a seguir estudando e preservando a obra e o pensamento dos persoeiros históricos como é neste caso un home que desenvolveu as súas inquedanzas en moi diversos eidos, desde o literario ao político.

O titular de Cultura do Goberno galego estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha xornada que, ademais dun acto institucional, incluíu un roteiro risquiano dramatizado pola vila que custodia os fondos bibliográficos, documentais e plásticos do autor. Unha visita que, baixo o lema Naceu un mozo, serviu para renderlle homenaxe reunindo ao pobo na casa que alberga a Fundación Vicente Risco.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/09/2024