Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.30 h. de hoxe

Controlado un incendio forestal rexistrado hoxe no concello da Mezquita, parroquia homónima, que afecta unha superficie estimada de en torno a 40 hectáreas

Estabilizado o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, tras a súa reactivación de onte mércores, ao igual que o outro incendio deste municipio, rexistrado na parroquia de Barxa

Está controlado tamén o lume do concello ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que afecta arredor de 40 hectáreas

Quedou extinguido o incendio que se iniciou no concello lucense de Palas de Rei, na parroquia de Cuíña, e que afectou tamén ao veciño municipio coruñés de Toques, cunha superficie afectada de 36,66 hectáreas

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.30 horas de hoxe xoves.

Controlado A Mezquita-A Mezquita

Está controlado dende as 20.16 h. un incendio forestal no concello ourensán da Mezquita, parroquia homónima, que se rexistrou hoxe ás 15.34 h. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie provisional dunhas 40 hectáreas. Polo momento mobilizáronse 4 axentes, 10 brigadas, 4 motobombas, 2 pas, 2 técnicos, 7 helicópteros e 6 avións.

Estabilizado A Gudiña-Pentes

Ás 20.12 horas quedou estabilizado o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes, que se iniciaba o luns ás 13.18 h. e estaba en situación de controlado antes da súa reactivación na tarde de onte mércores. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 280 hectáreas. Para a extinción deste lume mobilizáronse ata o de agora 26 axentes, 53 brigadas, 27 motobombas, 6 pas, 4 técnicos, 11 helicópteros e 10 avións. Tamén participaron medios portugueses, por estar o lume ao lado da fronteira.

 Estabilizado A Gudiña-Barxa

Continúa estabilizado, desde as 13.00 h. de onte mércores, o incendio forestal do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Barxa, que se iniciou ás 00.17 do martes e que afecta unha superficie provisional de arredor de 90 hectáreas. Neste lume mobilizáronse polo de agora 17 axentes, 30 brigadas, 13 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións. Ademais, nos labores de extinción colaboraron tamén medios terrestres procedentes de Portugal, ao estar o incendio preto da fronteira.

Controlado Chandrexa de Queixa-Requeixo

Está controlado dende as 21.14 h. de onte mércores o  lume do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo, que se iniciou o martes ás 20.07 h. e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de entorno a 40 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 9 axentes, 27 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 1 técnico, 2 avións e 4 helicópteros.

Extinguido Palas de Rei-Cuíña

Ás 20.20 h. quedou extinguido o lume que se iniciou no concello lucense de Palas de Rei e que chegou tamén territorio do veciño municipio coruñés de Toques. O lume rexistrouse ás 23.32 horas de onte mércores e finalmente afectou unha superficie de 36,66 hectáreas, das cales 31,16 correspóndense con monte raso e as restantes 5,5 con arborado. Para a súa extinción mobilizáronse 16 axentes, 21 brigadas, 23 motobombas e 1 pa.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Data de actualización: 19/09/2024