O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, manifestou hoxe no Parlamento o compromiso de continuar a traballar para cubrir a praza de médico vacante

A Xunta garante a asistencia sanitaria no centro de saúde de Lobios por debaixo do rateo máxima establecido

A Consellería de Sanidade insiste na necesidade de que o Goberno de España adopte medidas urxentes que permitan paliar ao déficit de profesionais que afecta especialmente á atención primaria e ao rural

O xerente do Servizo Galego de Saúde salienta os esforzos realizados pola Xunta para ocupar as prazas de difícil cobertura, coa convocatoria de máis de 170 prazas de atención primaria con condicións vantaxosas

Asegura que a Consellería de Sanidade traballa para a incorporar ao sistema o máximo número de profesionais MIR que rematen este mes de setembro a súa formación especializada

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, salientou esta tarde no Parlamento de Galicia que o centro de saúde de Lobios ten garantida a asistencia sanitaria, manténdose, ademais, por debaixo do rateo máximo establecido.

En resposta a unha pregunta dos grupos da Cámara galega, Parada explicou que este centro sanitario da Baixa Limia mantense por debaixo do ratio de 1.500 pacientes por facultativo de atención primaria que establece o Ministerio de Sanidade, ao contar cun total 1.450 tarxetas.

O xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que o déficit de médicos especialistas en medicina familiar e comunitaria é un problema estrutural que non atinxe exclusivamente á comunidade galega a todo o territorio español.

“A Xunta non pode contratar máis médicos porque non hai profesionais dispoñibles”, remarcou.

Así, e tras lamentar a inacción do Goberno central, Parada apuntou o compromiso da Xunta para ofertar a praza de médico vacante neste centro de saúde, co obxectivo de optimizar a cobertura sanitaria da poboación de Lobios.

Melloras na atención primaria

Entre as accións levadas a cabo pola Xunta de Galicia para paliar a escaseza de profesionais, atópase a lexislación de medidas extraordinarias dirixidas a fomentar a provisión das prazas difícil cobertura, habilitando a creación de Ofertas Públicas de Emprego mediante concurso de méritos. Esta medida permitiu ofertar máis de 170 prazas de facultativo especialista en atención primaria, repartidas en dúas convocatorias, con condicións vantaxosas.

Nesta mesma liña, o responsable do Sergas salientou no Parlamento a necesidade de reformas por parte do Ministerio de Sanidade para formar a 1.000 médicos de familia máis por ano en España, e durante os próximos catro anos. Ademais, segundo sinalou o xerente, desde o Servizo Galego de Saúde procederase a incorporar o máximo número de profesionais que rematen neste mes setembro a súa formación especializada e que queiran continuar traballando no sistema sanitario público de Galicia.

Actualmente Galicia conta co orzamento máis alto da historia da sanidade pública galega con máis de 5.000 millóns de euros, incrementando en máis de 200 millóns (un 4,4 %) os orzamentos do ano 2023.

Éxito do Plan de reforzo estival

Conscientes da problemática que representa o déficit de profesionais sanitarios, a Sanidade galega activou un Plan de reforzo no verán. Deste xeito, a Consellería de Sanidade aprobou coas sete áreas sanitarias galegas unha serie de medidas extraordinarias para garantir unha atención de calidade a toda a poboación.

No peche da súa intervención, Parada rexeitou a visión apocalíptica dos partidos da oposición e subliñou o éxito dun Plan estival que contou orzamento de 12,5 millóns de euros para levar a cabo medidas organizativas e así reforzar a asistencia sanitaria en todo o territorio galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024