A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co presidente de EGA, Manuel Pazo

A Xunta e a Asociación Eólica de Galicia suman esforzos para buscar solucións para desbloquear a parálise do sector na comunidade

Coinciden en celebrar a decisión do Tribunal de Xustiza da UE de dar prioridade á cuestión prexudicial na que o TSXG pon en dúbida a tramitación ambiental de proxectos eólicos realizada polo Goberno galego en aplicación da lexislación básica estatal

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024

A Xunta e a Asociación Eólica de Galicia (EGA) suman esforzos para buscar solucións que permitan avanzar no desbloqueo da parálise que sufre o sector na Comunidade.

Durante un encontro que mantiveron esta tarde, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, informou ao presidente da EGA, Manuel Pazo, das reunións de traballo que tivo a semana pasada con representantes da Comisión Europea, en Bruxelas, sobre o bloqueo eólico que sufre a Comunidade. Así, explicoulle que as autoridades comunitarias transmitiron o seu apoio ao modelo de desenvolvemento ordenado e sostible que defende Galicia e, ademais, avalaron a tramitación da futura Lei de administración ambiental simplificada que está a preparar a Xunta.

A maiores, no que atinxe á cuestión prexudicial que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) presentou ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), na que pon en dúbida a tramitación ambiental de proxectos eólicos realizada pola Xunta en aplicación da lexislación básica estatal, Ángeles Vázquez e Manuel Pazo coincidiron en avaliar de xeito positivo a decisión do alto tribunal comunitario de dar prioridade a este asunto sobre outros temas dada a súa transcendencia.

Nesa liña, tanto a conselleira como o presidente da patronal eólica subliñaron que a cuestión prexudicial pon en entredito a transposición dunha directiva europea ao ordenamento xurídico nacional que se vén aplicando desde o ano 2013 en todo o Estado.

De feito, a conselleira lembrou que mañá terá lugar unha reunión entre a secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e as directoras xerais de Enerxías Renovables e Cambio Climático, e de Calidade Ambiental e Sostibilidade, con persoal técnico e xurídico do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para valorar esta cuestión prexudicial. Segundo avanzou Ángeles Vázquez, o obxectivo é “ir da man” neste asunto ao non tratarse dun problema exclusivo de Galicia, senón que se estende ao resto de España, ademais de afectar á tramitación ambiental de calquera proxecto.

Para concluír, no encontro, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de dar seguridade xurídica ao sector para que a comunidade poida cumprir co reto da descarbonización e avanzar cara ao obxectivo de acadar a neutralidade climática antes de 2040.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024