Belén do Campo resalta o importante esforzo do club náutico de Sada pola continua renovación e mellora das súas instalacións e servizos

A delegada da Xunta visitou a entidade que recibiu apoios do Goberno galego, o ano pasado, para o mantemento da marca Q de Calidade Turística e para a mellora da súa fachada

Portos de Galicia investirá este ano máis de 70.000 na segunda fase para a mellora dos viarios na explanada do porto

Sada (A Coruña), 19 de setembro de 2024

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, o club Náutico de Sada, que preside Enrique Tostado. Na visita felicitou a esta entidade polo esforzo que realiza cada ano para renovar e mellorar as súas instalacións e servicios. Neste senso, apuntou, que este club conta con importantes recoñecementos como a bandeira azul, a Q de Calidade Turística e a bandeira de Galicia Calidade. Ademais, o ano pasado, recibiu da Secretaría Xeral para o Deporte 20.000 euros que lle permitiron levar a cabo a limpeza e pintado da súa fachada.

Belén do Campo referiuse na visita as obras realizadas por Portos de Galicia o ano pasado como a reordenación do tráfico e  a mellora do firme do porto primeira fase, coa que se actuou no porto deportivo e nas explanadas do peirao pesqueiro e no viario posterior ao centro comercial cun investimento de 110.000 euros e dotouse de defensas e medios de amarres ao porto con outro investimento de 120.000 euros. A delegada tamén anunciou que está pendente de licitación outra actuación de Portos de Galicia por un importe de máis de 70.000 euros para a execución da segunda fase doutros viarios na explanada do peirao. “Estas actuacións, apuntou a delegada, pretenden mellorar este espazo, con criterios máis amables para os peón e permiten ofrecer máis e mellores servizos aos usuarios deste porto tanto na parte deportiva como pesqueira"

Bandeira azul

A representante do Goberno autonómico destacou que este club é un dos dez portos de titularidade autonómica que renovaron, este ano, o distintivo Bandeira Azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC, e que recoñece a calidade das instalacións e servizos dos peiraos deportivos, entre outros.

Belen do Campo recoñeceu o esforzo realizado polos operadores náuticos para a certificación da calidade das instalacións portuarias autonómicas. Así mesmo, apuntou que Portos de Galicia, pon a disposición dos clubs e mariñas xestoras de portos deportivos o seu asesoramento técnico e administrativo para as candidaturas a este galardón. 

A colaboración de Portos de Galicia oriéntase a aspectos como os da prestación de servizos de calidade aos usuarios, mellora da ordenación e limpeza das instalacións portuarias, elaboración de programas de sensibilización ambiental e implantación dun sistema de xestión ambiental global para o ente público. 

Q de calidade

A delegada referiuse tamén a outro importante recoñecemento co que conta esta entidade, a Q de Calidade Turística. Este distintivo contribúe a reforzar a calidade do establecemento e, deste xeito, facelo, ademais, máis atractivo para os posibles usuarios. A delegada tamén quixo destacar o traballo que se realiza no club Náutico para ofrecer máis e mellores servizos cada ano. Belén do Campo lembrou que, o ano pasado, recibiron unha axuda para o mantemento desta marca.

Galicia calidade

O club Náutico de Sada, con 347 puntos de amarre e escola de vela, recibiu tamén a bandeira de Galicia Calidade, un recoñecemento ao seu emprazamento, equipamento e servizos ao longo dos seus 33 anos de historia. “Este tipo de instalacións contribúen a xerar unha oferta turística sustentable e competitiva en Galicia”, indicou Belén do Campo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2024